Ir o contido principal

Quico Ónega López: «Se superamos os límites planetários non vai quedar recuncho que non se vexa afectado»

Quico Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio do Campus Terra
Quico Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio do Campus Terra
O investigador do Laboratorio do Territorio do Campus Terra Quico Ónega López reflexiona sobre a importancia de coidar do noso planeta e os retos relacionados coa xestión do territorio con motivo do Día da Terra

A Terra. O solo que pisamos. O planeta no que vivimos. E, ademais, o nome que distingue ao noso campus. A Terra é a nosa identidade e o noso fogar. Por iso esta semana é tan especial. O 22 de abril tivo lugar, como cada ano, o Día da Terra. E, para celebralo, hoxe falamos con Quico Ónega López.

Enxeñeiro agrónomo, gandeiro, investigador do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela e do Servizo de Apoio da Asociación Europea de Innovación en agricultura (EIP-AGRI)... O currículo de Quico Ónega López, que no pasado foi xerente do Banco de Terras de Galicia e profesor no Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, impresiona.

Todo isto se traduce nunha sólida traxectoria, con máis de dúas décadas de experiencia en ámbitos tan relevantes como as políticas da terra, os instrumentos de xestión do territorio, o desenvolvemento rural ou a conservación dos recursos naturais.

E, por este motivo, hai poucas persoas tan capacitadas coma el para explicarnos por que os problemas globais teñen unha orixe local, cales son as peculiaridades do territorio galego ou por que é importante a existencia de instrumentos e organismos que optimicen a xestión das terras.

-Hoxe celébrase o Día da Terra, cales diría que son os principais retos que temos por diante nesta materia?

-Os retos semellan acumularse, e non os pequenos precisamente. O Instituto para a Resiliencia de Estocolmo ten identificado nove procesos planetários que son críticos para manter a estabilidade do sistema terrestre e as condicións para a vida tal e como a entendemos nos últimos milenios. Teríamos superado xa seis deles debido á acción humana. O que parece que temos máis en boca é o cambio climático, pero temos que engadir outros como a perda acelerada de biodiversidade ou a difusión masiva de sustancias contaminantes.

Semella que ao falar da escala global eses retos non van com nós, pero o global tem orixe na suma e interacción dos procesos locais. Em última instancia, como se xestionan as terras e os territórios a pequena escala nos vai levando a eses efectos globais e, viceversa, se superamos os limites planetários, non vai quedar recuncho que non se vexa afectado. Vémolo penso que claramente xá co clima.

Só temos que pensar no último lustro e como nos imos habituando a unha sucesión de fenômenos meteorolóxicos anormais, em cada unha das nosas parroquias. E ao revés, ao mellor pensamos que comer uvas importadas de Sudáfrica em xaneiro é o mesmo que comer mazás do pumar do veciño em setembro, por poñer um exemplo sinxelo. Pois é bastante diferente e nesse detalle están os limites planetários em xogo.

-Vostede investigou profusamente na mellora das políticas do territorio e na creación de instrumentos de xestión territorial a nivel local, rexional e internacional. Vaiámonos ao máis próximo. Non é este un reto de grandes proporcións nunha terra como Galicia? Quizais unha das rexións máis complexas de Europa nesta materia pola masiva atomización da propiedade.

-A xestión do território é importante em tódolos lugares. Xestionar o território significa reflexionar e actuar de forma activa sobre o acceso, uso e conservación dos recursos naturais por parte das sociedades, e tamén de como se distribúen eses recursos. O reto é importante para todos os pobos. O que cambia son as condicións ambientais, institucionais, culturais ou econômicas nas que se fai esa xestión.

Unha das condicións características de Galicia é efectivamente a fragmentación da propiedade da terra, ainda que tamén é moi característico do país, talvez mais, a presenza dos montes veciñais em man común. Na miña opinión o reto non é a estrutura da propiedade em si. Se tivésemos latifúndios teríamos outros problemas, e non está claro que fosen a ser mais cativos, mais bem ao contrario. O reto real é axustar os istrumentos e enfoques da xestión territorial a esas estruturas, ter a visión do território que queremos e atinar nos diagnósticos dos problemas reais. Por exemplo, se aplicamos directamente receitas que foron pensadas para territórios diferentes, seguramente non van funcionar aqui, ou non do mesmo xeito.

-No seu momento participou na creación do Banco de Terras de Galicia e mesmo foi xerente do organismo. En que medida é importante esta ferramenta para un territorio como o galego?

-Como tódalas ferramentas depende de como se use. A aparición do Banco de Terras véu a recoñecer precisamente que as particularidades fundiárias e de uso da terra en Galicia, e as súas dinâmicas nas últimas décadas, precisaban de novas ferramentas.

O instrumento practicamente universal que se utilizara dendê mediados do século pasado fora a concentración parcelaria, que ademais se aplicara com modelos importados doutras rexións bem diferentes ao nosso país. Significa que a re-organización parcelaria non funciona? Non, o que digo é que vale para abordar alguns problemas nalgunhas zonas, pero non é a solución para todo nin em todos os lugares.

De feito, atendendo ás dinâmicas de uso, cada vez em menos. Tampouco o Banco de Terras o vai a solucionar todo. Por isso pouco a pouco a Administración foi deseñando outros instrumentos, complementários entre si, ao ir mellorando a comprensión das dinâmicas territoriais e como a configuración da propiedade inflúe nelas. Precisamos dunha caixa de ferramentas para abordar a diversidade e complexidade territorial, pero tamén para adaptarnos a como vai cambiando o território.

-Previr incendios, resolución de conflitos veciñais, adecuado dimensionamiento das explotacións gandeiras e agrícolas… A alguén profano poderíalle parecer que a súa disciplina de coñecemento queda lonxe, pero en realidade calquera solución que propoñan ten case unha vertente horizontal porque tocan problemas que nos afectan a todos. É así?

-Nun país con más de millón e medio de persoas propietarias de terras rústicas non creo que nada diso sexa alleo. Que familia galega non terá pensado, ou se terá preocupado, por ter que limpar unha finca non vaia ser que arda, ou terá pasado unha tarde de domingo buscando um marco, ou remexendo nos papeis para atopar unha partixa? Cantos de nós fomos ou seremos herdeiros/as de terras?

Por non falar do comer. Quero pensar que em Galicia aínda sabemos de onde vén a comida. Todo isto penso que é algo relativamente familiar. Para min a dúbida é outra: somos conscientes de como afectan as decisións de uso (ou non uso) das nosas terras ao conxunto do território? E como no médio ou longo prazo a suma desas decisións nos vai afectar outra vez a nós, como se dun boomerang se tratase? Podemos volver ao exemplo das uvas, pero dun xeito moito mais inmediado.
 

Quico Ónega López compaxina a investigación coa gandeiría
Quico Ónega López compaxina a investigación coa gandeiría

-Dende o 2013 é oficial de investigación e ciencia no Servizo de Apoio da Asociación Europea de Innovación en agricultura (EIP-AGRI), impulsado pola Comisión Europea. Que é este organismo e en que consiste o seu labor?

-Logo da crise do 2008 a Unión Europea impulsou unha serie de eixos políticos para tratar de paliar os efectos do colapso financieiro. Un deles foi poñer énfase na importancia da innovación con carácter transversal, en tódolos sectores e políticas. Creou as Asociacións Europeas de Innovación (co acrónimo EIP en inglés) co gallo de mobilizar a axentes públicos e privados con ese obxectivo.

Tamén foi o caso da agricultura e a floresta. Coa EIP-AGRI a Comisión trata de promover e facilitar a cooperación entre os axentes do sector agrario e rural para mellorar os sistemas de innovación e coñecemento deses eidos. A premisa de partida é que a colaboración entre persoas da investigación, da produción, da industria, do asesoramento, administracións públicas dos diferentes niveis, e mesmo consumidores, será a que dea lugar ao xurdimento e, sobre todo, aplicación prácticas e enfoques innovadores na agricultura. Non só a nivel de produción, tamén a nivel de organización, da cadea de valor, gobernanza...

O importante é o feito de cooperar e de asumir que tódolos colectivos involucrados teñen coñecementos de valor, non só os investigadores, e que da colaboración e o intercambio deses coñecementos xurdirán cousas novas de maior valor. Como de costume, invéntanse novas palabras por isto de parecer modernos, e agora fálase da co-creación. O que toda a vida foi cooperar. 

Pois para levar adiante esa iniciativa da EIPAGRI, a Comisión creou a chamada Support Facility, unha especie de servizo técnico de apoio para realizar actividades de fomento e impulso da mesma a nivel europeo, e do que forma parte o Campus Terra a través do LaboraTe. De novo, dende ese servizo de apoio fanse accións que impulsan o intercambio de coñecementos ou o fomento da colaboración dos diferentes colectivos en novos proxectos de innovación, como por exemplo os chamados Grupos Operativos.

-A Política Agraria Común é, seguramente, un dos ámbitos de actuación normativa máis relevantes da Unión Europa. Vímolo dunha forma moi gráfica ao longo dos últimos meses. Como debería ser este instrumento e cales deberían ser os seus obxectivos desde o seu punto de vista?

Máis que de actuación normativa, a PAC é un instrumento financieiro. É o principal capítulo de gasto da Unión Europea, e xa o ten sido moito máis. Simplificando un pouco, realmente a PAC, máis que normativas, son diversos tipos de axudas, tanto dirixidas directamente ás persoas agricultoras como a outras beneficiarias do eido rural. Cousa diferente é que, para percibi-las axudas da PAC, as persoas beneficiarias teñan que cumprir con determinada normativa. Normativa que existe, moita dela, fóra da PAC, e que tamén se tería que cumprir aínda non percibindo as axudas.

Poñendo outro símil, é como cando solicitamos unha axuda para cambiar o coche e para cobrala non podemos ter débedas por multas de tráfico. A multa teríamos que pagala de tódolos xeitos, aínda sen percibir axudas para a adquisición do novo vehículo, pero parece razoable pensar que non podemos recibir a axuda se non cumprimos coas outras obrigas digamos 'básicas'. Se queremos cobra-la axuda, temos que pagar antes a multa, ou as débedas coa Seguridade Social, que nada tería que ver co coche.

Na miña opinión o problema coa PAC é doutra índole. Por unha banda, os obxectivos da PAC foron cambiando co paso do tempo, en parte para darlle lexitimidade social, en parte porque a realidade agraria, social e ambiental tamén cambiou moito, pero os instrumentos utilizados, o tipo de axudas contempladas, talvez non evolucionaron o suficiente para acadar eses obxectivos e acomodarse a nova situación. Pola contra, foise enguedellando o aspecto burocrático para tratar de xustificar as axudas, pero sen un cambio substancial no impacto acadado.

Todo cambiou para que pouco ou nada cambiase na práctica. Ademais, a PAC, que é unha política Común, ten que atender a realidades agrarias e rurais moi diversas no conxunto da Unión Europea. Certo é que os Estados Membros teñen marxe de axuste, pero moitas veces fáltalles creatividade. capacidade ou mesmo interese para facelo.

Isto lévanos a un punto complicado: semella que a política non contenta a ninguén. Os agricultores perciben que para cobrar o mesmo ou menos, teñen que cumprir con máis requisitos, e ademais a parte deles non lles ven sentido. Ás Administracións nacionais e rexionais váiselles complicando a xestión das axudas, tamén en parte polas políticas de redución de persoal que se veñen implantando nos últimos lustros. O resto da sociedade, aínda con diferencias duns lugares a outros, comeza a cuestionar as axudas, que se levan unha boa parte da bolsa de diñeiro europeo, sobre todo cando van dirixidas a determinado tipo de agricultura, percibida como intensiva e cun impacto ambiental excesivo na xestión de recursos clave coma o solo, a auga ou a biodiversidade.

Saír desa encrucillada é tamén un reto que hai por diante e especialmente importante: non falamos dunha política sectorial calquera, falamos da política do sector que nos dá de comer e ao tempo xestiona unha parte moi importante do territorio europeo e os recursos naturais básicos. Non hai fórmulas máxicas nin inmediatas para problemas complexos. Intúo que superar o actual enfoque, pasa por cuestionar abertamente o statu quo, diferenciar axeitadamente os diferentes modelos produtivos e o seu impacto ambiental e social (é dicir, territorial), e centrarse no impacto real das diferentes medidas.

-Tamén ten unha gandeiría de ovino ecolóxico nas terras de Pol dende o 2007. Por que decidiu dar este paso no seu momento? Profesión ou devoción?

Dende mozo sempre tiven arelas de ter algunha actividade agraria. Estudei enxeñería agrónoma en boa medida por esa atracción pola agricultura e, en particular, pola gandería. Tiña intentado xa antes dar o salto ao sector, de feito para adicarme a tempo completo ao mesmo. No seu día non puido ser, en parte porque os meus pais non foron agricultores e significaba comezar de cero a tódolos niveis, incluído acceder a terra.

Posteriormente xurdiu outra oportunidade, un pouco inesperada, cando xa estaba a traballar no Campus, a través das terras dunha compañeira.  Naquel intre, no que estaba a comezar nunha carreira profesional que tamén me atraía moito no Laboratorio do Territorio do Campus Terra, decidín comezar coa actividade gandeira e tratar de compaxinala co meu traballo na universidade, que non quería deixar. O que comezou sendo un experimento acabou por consolidarse e non sabería dicir cal dos dous aspectos, profesión ou devoción, pesan máis na decisión de continuar a futuro coa gandería. Ámbolos dous se reforzan mutuamente.

-E a última. Enxeñeiro agrónomo, gandeiro, investigador, docente no seu día… O seu é un perfil en grao sumo heterodoxo. Quédase con algunha das actividades que fai ou lle custa?

-Quédome con todas. Teño a sorte de poder compaxinalas e unhas enriquecen ás outras. Por poñer o exemplo da PAC: no meu grupo, no Campus, temos colaborado recentemente na elaboración do Plan Estratéxico da PAC para Galicia, xunto con outros colegas da USC. Ao tempo, na gandería 'lidiamos' coa PAC de forma directa como beneficiarios. Na servizo de apoio da EIPAGRI temos a oportunidade de seguir máis de preto a formulación da PAC en Bruxelas e o tipo de reflexións que fan a Comisión e os Estados Membros ao respecto do seu futuro.

Non poucas veces hai que ter un punto de 'esquizofrenia' para acomodar as tres perspectivas da mesma realidade vividas en primeira persoa. Pero ao final só temos o todo cando unimos as partes. Habería outros exemplos. Todas esas actividades son unha forma de reflexionar e interacionar coas terras e co territorio, dende diferentes ángulos e mesmo con diferentes partes do corpo! Non sabería a cal renunciar sen perder un elemento importante na comprensión do mesmo e na capacidade de actuar para mellorar o seu futuro. É innegable que compaxinalas require renunciar a outras facetas, incluído tempo para a familia, pero tamén penso que ese futuro do que falo vén sendo tamén, e sobre todo, o dos meus/nosos fillos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2024.