Rosario Panadero: «O 60% dos patóxenos que causan enfermidades humanas teñen a súa orixe nos animais domésticos ou silvestres»

Elementos tan significativos para o progreso e desenvolvemento da nosa sociedade como a saúde animal, a saúde humana ou a alimentación segura, saudable e accesible conviven baixo un mesmo paraugas: o do concepto de One Health.
A clave deste termo reside nun traballo de estreita colaboración científica de carácter multidisciplinar e transversal, no que disciplinas como a Parasitoloxía Veterinaria xogan un papel crítico. Un interesantísimo eido de investigación que, ademais, ten en Rosario Panadero Fontán unha das súas mellores embaixadoras.
Catedrática da Sanidade Animal, investigadora e docente na Facultade de Veterinaria do Campus Terra, coordinadora do grupo de referencia competitiva INVESAGA, secretaria do departamento de Patoloxía Animal, membro de facto do Colexio Europeo de Parasitoloxía Veterinaria dende fai máis de dúas décadas...
Os fitos da súa máis que consolidada traxectoria científica falan por si mesmos. E estarán sempre vencellados a nocións como o esforzo, a curiosidade, a excelencia e, sobre todo, a paixón.
Conversamos hoxe con Rosario Panadero sobre os desafíos que enfronta a humanidade no relativo á sanidade animal, o impacto que poden ter as miases na nosa contorna e os retos e aprendizaxes que forxaron a súa prolífica carreira como investigadora.
-Como coordinadora do grupo INVESAGA, cales son as principais liñas de investigación en sanidade animal que están a abordar actualmente?
-INVESAGA é un grupo de investigación que desenvolve a súa actividade no ámbito da epidemioloxía, diagnóstico, prevención e control das enfermidades infecciosas e parasitarias que afectan aos animais domésticos e silvestres.
Na actualidade, temos activas varias liñas de investigación, entre as que destacan:
- Detección ambiental de patóxenos e as súas aplicacións en sanidade animal.
- Aspectos epidemiolóxicos de patóxenos transmitidos por carrachas e a súa repercusión en saúde animal e pública.
- Avaliación da eficacia de fármacos fronte a patóxenos e determinación de antibiorresistencias, así coma estudos de campo para a aplicación de novos produtos ou estratexias para a prevención e control de patóxenos en animais domésticos e silvestres.
-Nos últimos anos, a sanidade animal vinculouse cada vez máis co concepto de ‘One Health’ (unha soa saúde). En que medida un traballo como o que están a facer contribúe a esta visión global?
-O concepto "One Health" defende que a saúde dos humanos depende do bo estado da saúde dos animais e dos ecosistemas, xa que todos eles están profundamente entrelazados. Por este motivo é necesaria a colaboración interdisciplinaria entre distintos profesionais, médicos, veterinarios, biólogos, enxeñeiros, etc. para protexer a saúde global do planeta.
O traballo que estamos levando a cabo contribúe a esa visión global mediante a prevención de zoonoses (enfermidades transmisibles entre animais e humanos), favorecendo a saúde de especies silvestres coma o corzo que axudan a manter o equilibrio dos ecosistemas e fomentando o uso responsable de antimicrobianos e antiparasitarios nos animais, reducindo os problemas de resistencias e de liberación de residuos ao medio.
Por outra banda, o cambio climático e o movemento de humanos e animais está a modificar a abundancia e a distribución temporal e espacial de certos artrópodos coma as carrachas, causando a aparición ou reaparición de novas infeccións para humanos e animais en todo o mundo. Polo tanto, calquera acción dirixida ao control destes vectores e das enfermidades que transmiten debe realizarse mediante plans coordinados que integren aos vectores (carrachas), hóspedes (animais e humanos) e as condicións ambientais que determinan a súa distribución e abundancia.
-Que foi o que espertou no seu día o interese pola sanidade animal e, en particular, pola parasitoloxía veterinaria?
-Eu crieime nun entorno rural e xa dende ben pequena mostrei un grande interese e curiosidade polos “bichos”, tanto grandes coma pequenos. O mesmo me chamaba a atención unha vaca coma un caracol ou unha abella.
Estudar veterinaria permitiume achegarme aínda máis aos animais e afondar nos seus coidados. Pero foi en cuarto curso de carreira, ao cursar Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias, cando se me abriu un novo mundo fascinante no que converxían estes dous universos, o dos animais grandes e o dos pequenos.
Marabilloume descubrir estas criaturas a miúdo invisibles pero, case omnipresentes, que desafían a saúde dos animais e das persoas e con ciclos de vida tan complexos como sorprendentes. Dende entón tiven claro que quería dedicarme a Parasitoloxía veterinaria e comecei coa miña memoria de licenciatura sobre enfermidades parasitarias das abellas e, máis tarde, a miña tese doutoral sobre a hipodermose bovina, unha enfermidade provocada por larvas de moscas.
-Para quen non está familiarizado co seu campo de coñecemento, que impacto ten a parasitoloxía veterinaria na vida cotiá das persoas e na seguridade alimentaria?
-Segundo a Organización Mundial da Sanidade Animal (OMSA), o 60% dos patóxenos que causan enfermidades humanas teñen a súa orixe nos animais domésticos ou silvestres.
Entre estes patóxenos atópanse parasitos tan coñecidos e importantes coma Trichinella, Toxoplasma ou Anisakis, que se transmiten ás persoas mediante o consumo de alimentos (carne, verduras, pescado), outros coma Cryptosporidium, Giardia ou as Amebas mediante a auga.
Nos últimos anos están tomando unha gran relevancia as enfermidades transmitidas por picaduras de artrópodos coma as carrachas, mosquitos, etc. Estamos a falar de enfermidades de gran relevancia coma a enfermidade de Lyme, febre hemorráxica de Crimea-Congo, virus do Nilo Occidental, etc,
En resumo, a Parasitoloxía Veterinaria non só mellora a saúde dos animais, senón que tamén contribúe a saúde humana e a garantir alimentos seguros, saudables e accesibles para a sociedade.

-As miases en ruminantes son un problema de sanidade animal pouco coñecido fóra do ámbito veterinario. Podería explicarnos en que consisten e por que son relevantes?
-As miases son enfermidades producidas por larvas de moscas que se alimentan dos tecidos dos animais producindo grandes perdas económicas e un grande impacto na saúde e benestar animal que, en casos graves, poden provocar a súa morte. As miases tamén predispoñen aos animais a outras enfermidades e, nalgúns casos, poden chegar a afectar ás persoas que traballan en contacto directo cos animais.
Moitas miases son cutáneas, nas que as moscas depositan os ovos na pel dos animais, a miúdo atraídas pola presenza de feridas. Pero no caso dos oéstridos dos ruminantes que nós estudiamos, as larvas localízanse en órganos internos coma o esófago, cavidade nasal, farinxe, estómago, etc., causando alteracións moi importantes.
Actualmente, grazas a programas de control baseados no uso de antiparasitarios, miases coma a hipodermose ou a oestrose están bastante controladas nos rabaños de ruminantes domésticos. Pero en ruminantes silvestres, ante a imposibilidade de levar a cabo medidas de control, a súa incidencia está a incrementarse de xeito alarmante.
-Nas súas investigacións desenvolveu técnicas avanzadas de diagnóstico precoz. Como melloraron estas ferramentas a detección e o tratamento das miases?
-No caso das miases internas, as larvas só se poden observar trala morte do animal, mediante unha necropsia que resulta moi laboriosa. Porén, grazas ao desenvolvemento de técnicas inmunolóxicas capaces de detectar a presenza de anticorpos específicos, podemos saber se un animal estivo en contacto co parasito con só analizar unha mostra de sangue. Isto permite facer un diagnóstico temperá e posibilita o tratamento dos individuos que resulten positivos antes de que as larvas produzan grandes danos.
Ademais, a principal vantaxe da técnica que empregamos é que é multiespecie, de xeito que cun mesmo protocolo podemos detectar a presenza de anticorpos en calquera especie animal que poida verse afectado por estes parasitos. Incluso témola empregado con éxito na confirmación de varios casos de miases en humanos.
Ademais, no caso das miases nasais (Cephenemyia e Oestrus) estamos a traballar nun test de PCR a partires de hisopos nasais que suporá unha alternativa diagnóstica non invasiva moi prometedora.
-O estudo das miases en corzos e outros ruminantes silvestres na península ibérica é outra das súas liñas de investigación. Que impacto teñen estas infeccións na fauna silvestre e nos ecosistemas?
-Ante a dificultade para emprender medidas de control efectivas na fauna silvestre, a incidencia de certas miases coma a cefenemiose está a aumentar de maneira preocupante. O desenvolvemento larvario de C. stimulator ten lugar na cavidade nasal e farínxea dos corzos, onde as larvas, impiden o paso do aire e dificultan a deglución do alimento. A presencia de entre 30 e 80 larvas maduras pode ser suficiente para ocasionar a morte do animal.
Actualmente, na provincia de Lugo, practicamente todos os corzos adultos están parasitados, o que formula a necesidade de buscar medidas de control alternativas ao emprego de fármacos para evitar unha regresión nas poboacións deste ungulado. Isto tería un grande impacto negativo para os ecosistemas xa que o corzo sirve de alimento a outras especies, coma o lobo.
-Vostede traballou e traballa con investigadores de distintos países. Cales son os principais retos e aprendizaxes destas colaboracións internacionais?
-Eu tiven a sorte de poder formarme en Francia e Canadá cos mellores expertos internacionais en miases por oéstridos, e nalgún caso mantivemos unha colaboración durante case 30 anos. Nestas colaboracións aprendín moito, pero tamén me decatei de que o noso nivel de investigación non tiña nada que envexar ao que se levaba a cabo neses laboratorios máis pioneiros.
Grazas a experiencia acumulada, agora podo contribuír a formación doutros investigadores. Estas colaboracións resultan sempre enriquecedoras non só dende un punto de vista científico senón tamén persoal porque, na maioría dos casos, créanse vínculos que duran para sempre.
Hoxe en día a colaboración internacional é moito máis doada que fai varias décadas dado que, grazas aos avances tecnolóxicos, xa non existen barreiras idiomáticas nin de intercambio de información, porque resulta máis doado organizar unha reunión telemática que presencial.
O principal reto co que me teño enfrontado son as barreiras burocráticas a hora de conseguir visados, ou organizar o transporte de mostras, sobre todo con determinados países terceiros.
-Ademais do seu labor investigador, formou a numerosos estudantes e ten dirixido teses doutorais. ¿Que consello lle daría a quen quere dedicarse hoxe á investigación en sanidade animal?
-O cambio climático e a globalización están a propiciar a aparición de enfermidades emerxentes ou reemerxentes, creando grandes retos e oportunidades para a investigación no eido da sanidade animal.
Eu o primeiro que lle recomendaría a alguén que se queira dedicar á investigación é que teña moita paciencia, porque esta é unha carreira de fondo e, a miúdo, chea de atrancos. No mellor dos casos consegues unha bolsa ou un contrato de investigación co que comezar; os resultados dos experimentos non sempre saen a primeira, nin á segunda...
A constancia e unha actitude de aprendizaxe continua son imprescindibles. Sempre haberá novos desafíos e preguntas por resolver.