SUS-SOIL dá os seus primeiros pasos para determinar a saúde dos solos e o seu grao de sustentabilidade
O proxecto SUS-SOIL centrado no estudo da saúde dos solos para determinar o seu grao de sustentabilidade deu os seus primeiros pasos este mércores 2 coa xuntanza de lanzamento que se desenvolveu no Campus de Lugo. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (EPSE) lidera esta iniciativa incluída no programa Horizonte Europa e dotada con 7 millóns de euros de financiamento, no marco da cal, crearase unha base de datos do subsolo que se nutrirá grazas a unha rede de traballo integrada por profesionais da agricultura, gandaría, eido forestal e concellos, entre outros axentes. Membros da FAO e do Joint Research Centre da Comisión Europea participan tamén nesta xuntanza, xunto a representantes do proxecto ‘Deep Horizon: soil deal for Europe’, liderado dende a Universidade de Lovaina e dotado tamén con 7 millóns de euros, coa vontade de fomentar a sinerxía e o intercambio de coñecemento entre equipos investigadores.
A catedrática do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Mª Rosa Mosquera Losada, que tamén coordina o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, atópase á fronte dun consorcio composto por 25 entidades, entre as que figuran USC, Feuga, Goberno de Murcia e UDC, como representantes do Estado español, alén doutras institucións dun total de quince países. Xunto a Mosquera e dende a EPSE, tamén participa no proxecto o equipo da catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, Esperanza Álvarez Rodríguez.
SUS-SOIL posibilitará analizar a saúde dos solos desde diversas perspectivas: física, química, ou biolóxica, entre outras, ao tempo que servirá para ampliar información e coñecemento sobre a existencia de residuos que poidan resultar nocivos para o medio ambiente e incluso tóxicos, tal e como pode suceder naqueles casos nos que se advirta unha elevada concentración de antibióticos. Outro dos ámbitos de acción deste proxecto afecta a avaliación de prácticas de xestión agroecolóxica que se desenvolven nos distintos territorios, a fin de validar o seu grao de éxito ou, de ser o caso, propoñer alternativas para a súa mellora.
Programa
A reunión comezou cunha presentación xeral do proxecto a cargo da profesora Mosquera, á que lle seguiron diversas sesión arredor da rede de xestión do subsolo agroecolóxico; a recompilación e harmonización de bases de datos do subsolo a partir de infraestruturas sinérxicas; experimentos sobre a saúde do solo, uso e xestión da terra; así como as interaccións entre solo e subsolo, cambio climático e modelado da biodiversidade. Xa en quenda de tarde, a xuntanza abordou a avaliación da sustentabilidade dos servizos ecosistémicos do subsolo; o vínculo entre bioeconomía e macroeconomía; así como o desenvolvemento dunha plataforma de base de datos sobre o subsolo. Na xornada do 3 de outubro desenvolveranse diversos seminarios arredor da temática do proxecto.
A determinación da capacidade dos solos obxecto de estudo para absorber carbono é outra das liñas de traballo contempladas nesta iniciativa de I+D incluída no programa Horizonte Europa. Esta dimensión, precisou a catedrática Rosa Mosquera, “presenta un especial interese para Galicia, dadas as características singulares que presentan os solos da comunidade galega”.
Alén das pescudas a realizar ao abeiro do programa SUS-SOIL, a profesora Rosa Mosquera salientou o compromiso de todos os socios implicados no consorcio impulsor do proxecto para propoñer ideas e mecanismos encamiñados a favorecer a sustentabilidade dos solos, ao tempo que indicou que os traballos realizados no marco de programa europeo poderían servir tamén para implementar mecanismos que posibiliten monetizar o carbono absorbido polos solos.
A coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da USC e responsable do proxecto SUS-SOIL destacou asemade que a concesión deste programa ao Campus Terra reforza a pertinencia deste campus de especialización da USC, dado que se trata dunha temática que responde ás liñas estratéxicas do Campus Terra.