Ir o contido principal

Transferencia de coñecemento e avances tecnolóxicos para loitar contra o despoboamento rural, eixes do novo Plan Estratéxico do Campus Terra

O Plan contempla 36 accións para executar ao longo dos vindeiros catro anos
O Plan contempla 36 accións para executar ao longo dos vindeiros catro anos
O documento aprobado polo Consello de Goberno da USC consta dun paquete de 36 accións que se executarán ata 2029

A nova formulación estratéxica para o período 2026-2029 do Campus Terra da USC centrarase na formación de calidade para asegurar a empregabilidade e a remuda xeracional, así como no desenvolvemento de novos coñecementos e avances tecnolóxicos que fomenten a competitividade do tecido produtivo e contribúan á creación de emprego para loitar contra o despoboamento do rural. O Consello de Goberno aprobou este xoves 23, no marco dunha sesión extraordinaria, o paquete de 36 accións para executar ao longo dos vindeiros catro anos por parte deste campus de especialización da Universidade de Santiago de Compostela con sede no Campus de Lugo.

O Campus Terra naceu como resultado do acordo entre a Xunta de Galicia e a USC, co obxectivo principal de transformar o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra, polo cal foi acreditado como campus de especialización do SUG por un período de catro anos (2022-2025). Despois da consecución do Plan Operativo 2022-2025 do campus de especialización Campus Terra e tras a implantación e posta en marcha das accións e actividades contempladas nel, ábrese agora un novo proceso de planificación estratéxica “co fin de crear un ecosistema académico e investigador moderno, actualizado e dinámico que estea capacitado para facer fronte aos novos retos actuais de forma áxil e dende unha perspectiva interdisciplinaria e integradora”, explicou o reitor Antonio López na sesión do Consello.

A execución do plan estratéxico 2026-2029 permitirá situar o Campus Terra como un referente autonómico, estatal e internacional, nos seus ámbitos de especialización contribuíndo a afianzar un modelo de gobernanza transparente e participativa; proporcionando unha oferta docente de calidade que estea aliñada coas necesidades do tecido empresarial; e levando a cabo unha investigación de excelencia e multidisciplinar que facilite, tal e como relatou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, “unha transferencia áxil ao tecido produtivo máis próximo e que impulse a creación de redes e alianzas estratéxicas internacionais”.

Cinco dimensións 
Organización e gobernanza, docencia, investigación, transferencia e interacción co tecido produtivo, e información pública e transparencia constitúen as cinco dimensións nas que se organiza o plan integrado por máis dunha trintena de accións. No seo desta estrutura e ata 2029, este novo Proxecto Estratéxico  do Campus Terra propón ampliar a presenza do tecido produtivo na súa estrutura de goberno, actualizar a súa oferta docente, ou reforzar a Axenda Científica do Campus coa incorporación de novas liñas de especialización como “Unha soa Saúde” e “Sociedade, economía, ou educación e cultura no medio rural”. A consolidación dun novo Centro de investigación en Saúde Global é tamén un dos puntos fortes do capítulo dedicado a investigación.

Entre as novas titulacións nas que se traballará de cara aos vindeiros anos atópanse un mestrado interuniversitario de vehículos autónomos e outro de enxeñaría da paisaxe, infraestruturas verdes e transición rural. Tamén se pretende crear un Laboratorio de creación de Innovación Docente e un Programa de prácticas remuneradas no estranxeiro, que aumente o atractivo da oferta docente do Campus e a empregabilidade dos estudantes.

O impulso de alianzas estratéxicas con axentes clave do sector produtivo tamén forma parte do plan, xunto coa posta en valor da marca Campus Terra e o reforzo da marca ‘Lugo Cidade Universitaria’ para apoiar a captación de novo estudantado.
 

O Consello de Goberno reuniuse en sesión extraordinario. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno reuniuse en sesión extraordinario. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2025.