Ir o contido principal

Xa pode visitarse na EPSE a mostra itinerante sobre o proxecto RURALtXA!

A mostra pode visitarse na EPSE
A mostra pode visitarse na EPSE
A exposición fotográfica traza un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto
Lugo

O proxecto RURALtXA! persegue o impulso da bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandaría extensiva de montaña, á vez que se conserva a biodiversidade, con especial atención aos queirogais e ás turbeiras. Agora, unha mostra fotográfica itinerante dá a coñecer os valores e as actividades tradicionais que sustentan estes hábitats. A exposición inaugurada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) este luns 10, poderá visitarse durante os vindeiros quince días en horario de 8.30 a 21.00 horas. 

O proxecto é froito dun consorcio entre as universidades da Coruña e Santiago de Compostela, xunto á fundación vasca HAZI, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. RURALtXA! lévase a cabo en cinco áreas de Euskadi e catro de Galicia, traballando en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior en Lugo, e outras áreas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba en Pontevedra. Entre o persoal técnico do proxecto, destaca un equipo formado por persoal da EPSE, encabezado por Ramón A. Díaz Varela como coordinador técnico, e composto tamén por Emilio Díaz Varela, Alfonso Laborda Bartolomé e César A. Blanco Arias.

A conservación destes hábitats está moi vencellada á persistencia de certas actividades tradicionais como é a presenza dos cabalos salvaxes nas serras e da gandaría extensiva. “Coa perda destas actividades tradicionais, a supervivencia destes valiosos ecosistemas de montaña vese ameazada”, explican dende o proxecto. Fronte a isto, co impulso e a posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais ante a sociedade, preténdese contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario. Neste senso, a exposición traza un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto. Se algunha entidade relacionada coa temática medioambiental está interesada en acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto a través da páxina web do proxecto
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2025.