Ir o contido principal

A agroecoloxía, motor de presente e futuro para o Campus Terra

A agroecoloxía, motor de presente e futuro para o Campus Terra
A agroecoloxía, motor de presente e futuro para o Campus Terra
A aposta do Campus de Lugo pola sostibilidade cobra forma tamén nun obradoiro sobre agricultura ecolóxica e nas prácticas sustentables levadas a cabo pola EPSE
Lugo

Cantas veces ao día pos en marcha unha ruta cun inicio e un destino? Coller o teu móbil e abrir a aplicación de mapas para coñecer o traxecto que tes que facer, pensar que cociñar para cear e rematar cun delicioso prato na mesa... No Campus Terra acontece o mesmo, e o seu itinerario ten a dirección fixa cara a un futuro sostible e onde a agricultura ecolóxica é a protagonista.

 

Neste caso, o camiño é algo complexo e presenta certas dificultades que foron abordadas no encontro que tivo lugar no Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC. Esta sesión participativa contou coa intervención dos docentes Carlos Teijo e Rosa Mosquera, catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría no Campus de Lugo, ademais do conselleiro da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, Diego Canga.

 

O obxectivo desta xornada foi canalizar cara Europa as necesidades advertidas polos axentes produtores para que as súas reivindicacións poidan incorporarse nos futuros regulamentos comunitarios. Neste senso, parte das cuestións están vencelladas cos matadoiros móbiles, a inclusión de áreas arbustivas xestionadas como superficies acaídas para pagos directos da PAC ou a esixencia dun maior financiamento para a transición de explotacións convencionais á produción ecolóxica.

 

Ademais, este foro, encadrado no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE), tamén congregou a 30 persoas representantes do sector produtivo. Entre elas destacan o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Asoporcel e a Cooperativa A Carqueixa.

 

Dos plans ás accións.

 

Neste percorrido que segue o Campus Terra co foco posto nun futuro sustentable, prácticas xa implementadas como as queimas controladas ou prescritas e o pastoreo guiado fan que avance en boa dirección.

 

De feito, rexuvenecer o mato dos montes e preservar os diversos hábitats naturais en superficies montañosas impulsaron este modelo de xestión sustentable da man do grupo de Sistemas Silvopastorais da EPSE na localidade de Piornedo. Esta xornada tivo lugar no marco do obradoiro de presentación de resultados das distintas experiencias desenvolvidas neste espazo natural incluído na Rede Natura 2000 e ao abeiro do proxecto europeo Open2preserve, coordinado na USC tamén por Rosa Mosquera.

 

Neste sentido, tamén coa intervención deste mesmo grupo de investigación, a USC vén de asinar un convenio co Concello de Burela para o desenvolvemento neste municipio da Mariña luguesa dun plan de actuacións de carácter ecolóxico, preservación ambiental e valorización de recursos naturais no contexto do Pacto Verde Europeo.

 

Tanto estas dúas actividades como a sesión sobre agricultura ecolóxica poñen de manifesto o bo labor a prol da sostibilidade que leva como selo o Campus Terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.