A Área de Cultura da USC en Lugo bota a andar o XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra
O XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra repartirá 600 euros en metálico para os autores das dúas fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar a nova edición deste consolidado certame, organizado pola Área de Cultura da USC en colaboración co Grupo Cinematográfico Fonmiñá ao abeiro do Convenio Lugo Cultural no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, a Deputación e o Concello de Lugo.
Esta nova edición do certame fotográfico, aberto á participación de todas as persoas interesadas maiores de idade, pertencentes ou non á comunidade universitaria, terá lugar o vindeiro 25 de setembro, a partir das 10.00 horas e o prazo para formalizar a inscrición no mesmo rematará ás 14.00h do día 24 deste mes. A inscrición é de balde e pode realizarse nas dependencias da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a través do número de teléfono 982 82 15 13, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Neste enlace podes descargar as bases do certame e o formulario de inscrición.