A bailarina e Premio Max Eshter Latorre guía o luns 19 un taller sobre movemento corporal na Aula de Teatro da USC no Campus Terra
A bailarina profesional luguesa e Premio Max 2017 ao mellor espectáculo na rúa por ‘Mulïer’ como integrante da compañía Maduixa, Esther Latorre, guiará este luns 19 de febreiro, a partir das 20.30 horas, na Aula de Danza e Teatro da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, un obradoiro sobre movemento corporal aberto á participación do alumnado inscrito nas distintas actividades formativas programadas pola Aula de Teatro da USC no Campus Terra, así como ao elenco actoral integrado na compañía teatral USC-Lugo.
Esther Latorre afondará na importancia que ten a expresión corporal no eido da representación teatral, ao tempo que servirá de ensaio intensivo para os actores da compañía de teatro USC-Lugo, unha formación que está xa a traballar na preparación da montaxe ‘WK’, “unha peza na que a liberdade de movemento corporal é fundamental”, dixo Paloma Lugilde, directora da compañía.
Esther Latorre, graduada en Danza Contemporánea no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e actualmente vinculada á compañía Maduixa, de Valencia, onde reside, aproveitará a súa estadía na capital luguesa para participar en diversos encontros con diversas formacións e escolas de teatro e danza. De feito, a artista luguesa manterá xa este venres, a partir das 20.30 horas, un primeiro encontro cos integrantes da compañía de teatro USC-Lugo.