A Cidade de Mondoñedo e o futuro do seu patrimonio cultural, a debate nun curso de verán da USC
O 25 de agosto finaliza o prazo para inscribirse no curso de verán ‘O futuro do patrimonio cultural: o caso da cidade de Mondoñedo’, organizado polos profesores da Facultade de Humanidades do Campus Terra, Gonzalo Fernández Suárez e Ana Goy Diz, e que terá lugar o 4 e 5 de setembro na Casa da Xuventude de Mondoñedo.
Entre os obxectivos deste curso están a análise do patrimonio cultural da cidade de Mondoñedo contemplado desde diferentes ópticas (patrimonio histórico, artístico e documental); das oportunidades, fortalezas, debilidades e ameazas derivadas da declaración do Camiño Norte como patrimonio da humanidade; da dimensión histórica da cidade e antiga provincia de Mondoñedo e o seu impacto nas manifestacións culturais actuais; así como da situación do patrimonio documental municipal mindoniense e a súa posta en valor e difusión mediante diversas estratexias e a situación do patrimonio artístico e o seu valor como factor de desenvolvemento económico.