A compañía de teatro USC-Lugo presenta ‘El Público’ no II Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo
A compañía de teatro USC-Lugo presenta ‘El Público’, unha das obras irrepresentables de Federico García Lorca, no marco do II Festival Nacional de Teatro Universitario de Toledo, un certame promovido polo Concello de Toledo e a Universidade de Castilla La Mancha, que nesta segunda edición conta coa participación de sete compañías de teatro universitarias.
A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, acude por vez primeira ao Festival Nacional de Teatro Universitario toledano, onde presentará o sábado 29 de abril, ás 22.00 horas, no Círculo de Arte de Toledo, a peza ‘El Público’, unha produción financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, na que interveñen dez actores, ademais dos dous técnicos que colaboran na súa posta en escena.
Alén da presentación da obra ‘El Público’, a directora da compañía de teatro USC-Lugo terá un cometido destacado no marco deste festival. De feito, Paloma Lugilde modera esta tarde, a partir das 19.30 horas, no Paraninfo da UCLM, unha mesa redonda sobre o cometido da muller na escena contemporánea na que interveñen como relatoras Margarita Borja, Yolanda Dorado, Marta Poveda, Yolanda García Serrano e Vicenta Rodríguez. Asemade, a directora da compañía de teatro USC-Lugo tamén impartirá o sábado 28 un seminario sobre danza e teatro.