Ir o contido principal

A Domus do Mitreo, a mellor inmersión para este verán

A Domus do Mitreo, a mellor inmersión para este verán
A Domus do Mitreo, a mellor inmersión para este verán
Unha nova exposición achega de forma cronolóxica a historia da cidade amurallada ás persoas visitantes
Lugo

Cantas películas dos anos 80 ou 90 ambientadas no futuro xa quedaron no pasado? Vivir un 2019 invadido polo “ciberpunk” e con coches voadores ou un 2020 no que loitamos con extraterrestres que queren invadir a Terra... Agora, xa na metade do 2021, pensas que é posible que dentro dalgúns anos poidamos ter á nosa disposición unha especie de escaparate da vida de cada un e unha de nós cos momentos máis importantes ou os nosos logros?

 

No Campus Terra xa cumprimos parte deste soño, e os teus ollos poden velo en primeira persoa na Domus do Mitreo, o Museo Universitario de Lugo da USC. Viaxar a través do tempo e coñecer a súa vida cotiá ou o banquete do mitreo xa é posible grazas á remodelación e ampliación da súa sala de exposicións.

 

A nova mostra sobre o mundo romano, principalmente, pero tamén de etapas posteriores, ten como protagonistas uns recentes e inéditos restos achados nos terreos baixo o Museo. O seu obxectivo é, sen deixar a un lado o rigor científico, artellar un discurso expositivo sinxelo, polo que non te preocupes se careces de coñecementos relacionados con estas épocas!

 

Co fin de que calquera persoa, sexa cal sexa a súa idade, formación ou cultura, marche cunha idea xeral sobre o pasado da Domus, a disposición dos elementos foxe da idea da acumulación e vai na procura da súa contextualización. Deste xeito, o percorrido é unha viaxe cronolóxica pola historia de Lugo que se atopa dividida en dúas partes.

 

Na primeira sala, dedicada ao material da domus, as persoas visitantes poden descubrir a vida cotiá deste período a través de obxectos como vidros de botellas cadradas cuns fondos decorados ou ósos cortados que servían para fabricar agullas. Pola outra banda, a do mitreo ofrece unha gran riqueza con fragmentos de vidro únicos, como unha pequena copa branca con motivos mitraicos. Ademais, este espazo inclúe por primeira vez a segunda inscrición romana achada e asociada á primeira dinastía, a de Xullo-Claudio.

 

Grazas á colaboración que a Domus do Mitreo recibiu do Museo do Castro de Viladonga, a exposición destas pezas recuperadas vai permitir que o escaparate da historia romana non quede no pasado, senón no noso presente. E é que o verán sempre é época para mergullarse!

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.