A EPS do Campus Terra impartirá un grao universitario de paisaxe
Os reitores das universidades de Santiago e da Coruña, Juan Viaño Rey e Julio Abalde Alonso, asinaron este luns 18 unha declaración de intencións para o deseño e implantación do grao en Paisaxe, primeiro interuniversitario de Galicia logo da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Nun acto no Pazo de Mariñán, á sinatura protocolaria deste acordo asistiron tamén a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.
Segundo o documento asinado, para a elaboración da memoria de verificación do futuro título constituirase unha comisión académica formada por dez membros das distintas áreas de coñecemento implicadas que proporán de xeito equitativo cada universidade. A comisión continuará cos traballos realizados dende o pasado mes de marzo polo grupo de traballo integrado por profesorado da Escola Politécnica Superior do Campus Terra e a Facultade de Xeografía e Historia da USC e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.