Ir o contido principal

A EPSE celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

A EPSE celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
A EPSE celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Ana Isabel García Arias, moderou en representación da Comisión de Igualdade de Xénero deste centro a mesa redonda...
Lugo

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Ana Isabel García Arias, moderou en representación da Comisión de Igualdade de Xénero deste centro a mesa redonda ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’ que formou parte da xornada ‘Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía’ que tivo lugar na sala de xuntas da EPSE este luns, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 

Esta mesa redonda estivo conformada por mulleres de recoñecido prestixio nos seus respectivos eidos de actuación coma María Isabel Fernández García, pertencente ao Departamento de Química Inorgánica da USC; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC; e Ana Jesús López Díaz, presidenta de AMIT-Gal.

 

Co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais de para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento do xénero feminino, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 

Este evento de carácter científico serviu asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil científico-técnico e que se desenvolverá baixo o título ‘Protagonistas, as enxeñeiras’.

 

A presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría, a enxeñeira e profesora Dolores Fernández, explicou que as propostas programadas ao abeiro da campaña ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ están estruturadas en obradoiros ou sesións monográficas que se desenvolverán nos centros de ensino secundario da cidade de Lugo.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, sinalou no acto inaugural que as estatísticas de matrícula afondan na idea de que “só un de cada catro estudantes matriculados en graos de enxeñaría son mulleres”, tendencia que é preciso invertir. 

 

As temáticas da campaña ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ son diversas e abranguen cuestións ligadas coas titulacións actualmente ofertadas pola EPS de Enxeñaría do Campus Terra. Así, os talleres programados levan por título ‘Enxeñarías contra as pragas agrícolas’, que será impartido por Cristina Cabaleiro; ‘Os enxeñeiros e as enxeñeiras de montes defendemos o bosque fronte ao lume’, guiado por Ana Daría Ruiz; ‘Drons e láser en enxeñaría 3D’, impartido por María Teresa Martín Sánchez e Patricia Tato Sánchez del Valle; ‘Por que caen os edificios?’, guiado por María José López Villar e María Teresa Teijeiro Rodríguez; e ‘Pioneiras na ciencia’, a cargo de Isabel Fernández García.

 

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.