Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra sométese ao exame de expertos avaliadores europeos

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra sométese ao exame de expertos avaliadores europeos
A Facultade de Veterinaria do Campus Terra sométese ao exame de expertos avaliadores europeos
The European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE), entidade europea responsable de avaliar, promover e desenvolver a calidade dos efectivos e os estándares veterinarios así...
Lugo

The European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE), entidade europea responsable de avaliar, promover e desenvolver a calidade dos efectivos e os estándares veterinarios así como a docencia dos mesmos, inspecciona ao longo desta semana a Facultade de Veterinaria do Campus Terra a fin de que o centro poda renovar a acreditación que concede esta asociación e que xa foi acadada pola facultade luguesa en 2002 e posteriormente renovada en 2008 por un período de dez anos.

 

Os avaliadores estanse a entrevistar cos diferentes sectores do centro universitario coa intención de que estas sondaxes de opinión lles permitan obter os datos necesarios para establecer un xuízo o máis preciso posible sobre a situación da facultade. Este panel de expertos atópase formado por Yngvild Wasteson, especialista noruegués en hixiene e inspección de alimentos e que actúa como presidente da comisión; o experto italiano en ciencias básicas Mario Baratta; o austríaco Florian Buchner, especialista en animais de compañía; e polo experto británico en Produción e Sanidade Animal David Barrett. O experto francés en medicina de grandes animais Christophe Buhot, que actúa como representante da  Federación de Veterinarios de Europa; o finés Mirja Ruohoniemi, especialista en control de calidade, e a austríaca Victoria Drauch, en representación do colectivo estudantil, completan a comisión.

 

 

Veterinaria xa lles fixo chegar o pasado mes de xullo un informe previo cos datos do centro relativos a todas as categorías que se someten a escrutinio: organización, finanzas, plan de estudos, infraestruturas e equipamento, recursos animais, recursos docentes, admisión e atención ao alumnado, sistemas de avaliación, persoal docente e de administración e servizos, investigación, programas de formación continúa e posgrao e sistemas de garantía interna de calidade.

 

Os membros da comisión deben comprobar a veracidade da información recibida a través da consulta de documentación e de entrevistas con representantes de todos os colectivos. Ademais, a comitiva internacional tivo este mércores a oportunidade de ser recibida polos representantes institucionais da cidade de Lugo, acto no que tamén participou o reitor Antonio López, a vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.