Ir o contido principal

A madeira, do chan do Campus Terra ao fogar do viño

A madeira, do chan do Campus Terra ao fogar do viño
A madeira, do chan do Campus Terra ao fogar do viño
A tese de doutoramento de Adriana Conde, da EPSE da USC, contribúe á optimización do deseño de toneis empregados en destilaría
Lugo

Da mesma forma que a auga lles dá vida ás plantas, a madeira conta cun papel ben importante no nacemento do viño durante o proceso de fermentación do mosto. E a luz que permite a obtención dun produto de calidade procede do Campus Terra, o espazo onde agroman novos proxectos de investigación.

 

Este é o caso da tese de doutoramento de Adriana Conde Fernández, enxeñeira de Montes e investigadora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC. O seu traballo, dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Pablo Vila Lameiro, leva por título “Optimización do tonel como elemento chave no avellentamento de viños e idoneidade de madeiras de frondosas de procedencia galega para este uso”.

 

Ao longo dos últimos meses desenvolveu un fondo estudo xeométrico do tonel co fin de determinar certos erros nas fórmulas empíricas tradicionais. Grazas á obtención destes datos, a enxeñeira luguesa completa a parametrización, modelización e estandarización das doelas, é dicir, das distintas láminas que conforman o barril e que son fundamentais no seu proceso de fabricación.

 

Na boa fermentación desta investigación cumpre unha gran función a análise que Conde realiza das propiedades físico-mecánicas das madeiras de procedencia galega de Castanea sativa Mill. e Acacia melanoxylon R. Br.. Entre as súas conclusións destaca o achado en ambas especies forestais de calidades apropiadas para o seu emprego en destilaría, sendo as características do castiñeiro semellantes ás do carballo, utilizado por excelencia na industria toneleira.

 

Neste senso, os descubrimentos recollidos nesta tese por Adriana Conde, con preto dunha década de traballo no grupo BioMoDem da USC en proxectos financiados por Irish Distillers e Pernod Ricard e tamén por BioReDes do Campus Terra, sacan á luz a existencia dun nicho de mercado importante para a madeira galega de frondosas.

 

Grazas aos nutrientes da innovación presentes nesta tese de doutoramento e á enerxía do Campus Terra, este estudo supón un primeiro paso na mellora do proceso produtivo da man da optimización e eficiencia do deseño dos toneis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.