A residencia ‘Bal y Gay’ acolle o día 29 a celebración do I Torneo de Xadrez Rápido San Froilán do Campus Terra da USC
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo acollerá o domingo 29 de outubro a celebración da primeira edición do Torneo de Xadrez Rápido San Froilán do Campus Terra da USC, un campionato aberto á participación de todos os membros da comunidade universitaria da USC.
O torneo, organizado polo Club Xadrez Recatelo Campus Terra da USC, mantén aberto o prazo de inscrición ata o inicio da competición, que se desenvolverá en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas. A participación neste torneo é de balde para todos os membros da comunidade universitaria (estudantes, PDI e PAS). As persoas interesadas poden formalizar a súa participación neste torneo a través do enderezo electrónico pablo.sanchez [at] usc.es (pablo[dot]sanchez[at]usc[dot]es) ou ben a través do número de teléfono 982 822 328.
A competición desenvolverase segundo o sistema suízo e o ritmo de xogo será de 10 minutos + 2 segundos de incremento por xugada. Os premios para os gañadores serán produtos de alimentación gourmet.