A spin-off do Campus Terra da USC 3edata desenvolve un proxecto para valorizar o sistema tradicional de cabalos bravos no monte en Sabucedo
A empresa de base tecnolóxica 3edata, unha spin-off xurdida no Campus Terra da USC, desenvolve en colaboración coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña (UDC) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) un proxecto de innovación orientado a poñer en valor e mellorar a xestión dos cabalos bravos do monte en Sabucedo.
Para o desenvolvemento do proxecto, empregaranse solucións innovadoras no manexo dos animais e o seu entorno, como a marcaxe dos cabalos con GPS, o uso de drons para a localización dos animais nas zonas máis remotas e inaccesibles, así como peches que eviten accidentes de tráfico, ademais doutras medidas para a posta en valor dos cabalos bravos.
Os obxectivos que pretenden estas actuacións son amplos e entre eles figura o de evitar os conflitos entre besteiros e propietarios forestais ou diminuír o risco de incendios empregando os cabalos para a redución de biomasa. Os resultados deste programa innovador repercutirán directamente sobre a poboación de cabalos de Sabucedo, pero serán de gran interese para besteiros en todas as zonas de Galicia en que se atopan estas poboacións de cabalos bravos. Estas novas medidas poderán ser exportadas para logo ser implementadas noutras zonas, colaborando deste xeito no mantemento dun elemento singular galego, de gran valor ecolóxico e cultural, como é o caso das poboacións de cabalo bravo de monte.
O proxecto, que acadou financiación na última convocatoria de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), co financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ten unha duración inicial de dous anos.