A USC a través do seu Campus Terra convértese no primeiro órgano rexional de certificación Cecra en España
A USC, a través do seu Campus Terra, convértese no primeiro órgano rexional de certificación Cecra (Certificado de Asesores Europeos en Áreas Rurais) en España e tamén na primeira entidade nacional acreditada para formar segundo este regulamento asesores agrarios e rurais en España, trala súa adhesión ao foro europeo de asesoramento agrario e rural (Eufras), unha rede europea que agroma 33 entidades de diversa tipoloxía e pertencentes a 25 países. A incorporación institucional da USC a Eufras materializouse a través dun convenio de asociación que veñen de asinar en Santiago de Compostela o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente de Eufras, Thomas Kelly.
A adhesión da USC a Eufras prodúcese logo do traballo de formación no eido do asesoramento agrario e rural xa desenvolvido no Campus Terra en colaboración con outras entidades acreditadas de formación Cecra, un programa modular de cualificación e desenvolvemento de competencias para os asesores agrarios e rurais. Esta acción formativa, promovida a iniciativa, entre outros, dos profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Florentino Díaz, Enrique Arbones e Martín Barrasa, traduciuse na celebración na sede universitaria luguesa de varios módulos formativos, un programa no que participaron parcial ou de xeito íntegro preto de 30 persoas.
O recoñecemento da USC por parte de Eufras como órgano rexional de certificación Cecra implica tamén para a institución académica compostelá a autorización para, conxuntamente coa Axencia Eufras-Cecra e con outras entidades acreditadas, ofrecer aos asesores agrarios e rurais, a cualificación de asesor transnacional Cecra.
A acreditación da USC como entidade autorizada por Eufras para a formación, avaliación e cualificación de asesores rurais Cecra, ten especial incidencia na futura actividade do Campus Terra, xa que é a sede universitaria luguesa a que está chamada a desenvolver e cumprir coas obrigas que implica a súa pertenza a Eufras.
O profesor Florentino Díaz explicou neste senso que as distintas persoas que están a traballar no marco da USC no ámbito do asesoramento agrario e rural xa teñen avanzado o deseño dunha ampla programación cara o vindeiro ano. Esta oferta formativa, que se antolla máis ampla e exhaustiva que a desenvolvida ata o momento no Campus Terra, está aberta á participación de todos os técnicos e profesionais ligados ao aconsellamento agrario e rural, unha cifra que podería incluso superar os 1.000 no conxunto do territorio español.
Visita ao Campus Terra
O presidente de Eufras, Thomas Kelly, realizou este xoves unha visita ao Campus Terra da USC, onde participou en distintas sesións de traballo, ás que tamén asistiron os vicerreitores Javier Bueno e Andrés Barreiro, ademais dos profesores Florentino Díaz e Enrique Arbones, e os xestores de Internacionalización, Pedro Fiz Rocha, e Innovación e Transferencia, Roberto Lamas.