A USC abre a inscrición nun obradoiro de arte dramática que se impartirá no Campus Terra durante o segundo cuadrimestre
A Área de Cultura no Campus Terra da USC vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro de arte dramática que guiará Xoán C. Laxe durante o segundo cuadrimestre na Aula de Teatro e Danza do campus lugués. O prazo de inscrición neste taller, dirixido a todos os membros da comunidade universitaria e a outras persoas interesadas en formarse neste ámbito, remata o 6 de febreiro.
Afondar na formación teatral a partir do coñecemento do corpo e da creación de materiais artísticos é o principal cometido deste obradoiro, para o que se ofrecen un total de 14 prazas. Os contidos do programa, estruturado en 45 horas, inclúen aspectos relacionados co adestramento do actor, traballo e presenza escénica, anatomía da voz, creación e procura de materiais, traballo de investigación e documentación, ademais de técnicas de grupo para a escoita e a concentración.
As sesións formativas programadas comezarán a impartirse o 8 de febreiro e desenvolveranse os luns e mércores, en quenda de 19.15 a 20.45 horas, na Aula de Teatro e Danza situada na Facultade de Veterinaria, ata finais de maio.
As persoas interesadas en formalizar a súa matrícula neste obradoiro de arte dramática poden inscribirse en quenda de mañá nas dependencias da Oficina de Cultura da USC no Campus Terra, situadas na Vicerreitoría de Coordinación, ou a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). O prezo do curso é de 70 euros para membros da comunidade universitaria e 90 para o público xeral. O alumnado da USC que complete este obradoiro poderá solicitar o recoñecemento dun crédito académico.