Aberta a convocatoria Spanish Universities for EU Projects que ofrece 60 bolsas dirixidas a estudantes e titulados universitarios en proxectos europeos
O Campus de Excelencia Internacional ‘Campus Iberus’ coordina o proxecto Spanish Universities for EU Projects, que ofrece 60 bolsas para estudantes e titulados universitarios co fin de mellorar o seu desenvolvemento profesional no ámbito da xestión de proxectos europeos.
O prazo de inscrición para optar a estas bolsas esténdese até o venres 2 de novembro. As prácticas levaranse a cabo durante o ano 2019. Os interesados poden solicitar máis información e cursar a súa solicitude a través de www.campusiberus.es/euprojects/.
Os estudantes participantes poden inscribirse, dentro da xestión de proxectos europeos, en ámbitos máis específicos como: IT, Comunicación, Economía e Negocios, Administración, Mercadotecnia, Relacións Internacionais, Dereito da UE, Investigación Científica, Investigación Social, Dereitos Humanos ou Tradución, entre outros.
A convocatoria establece que os candidatos non poden ter recibido bolsas Erasmus+ durante máis de 10 meses no mesmo ciclo de estudos, incluídas as mobilidades ‘bolsa cero’ e que posúan polo menos un nivel B1 ou equivalente en inglés, entre outros requisitos.
Campus Iberus, a alianza estratéxica das universidades do Val do Ebro (Zaragoza, Lleida, Pública de Navarra e A Rioxa), coordina este proxecto do que, ademais, forman parte as Universidades de Santiago de Compostela Alacante, Cantabria, Castela A Mancha, Burgos, La Laguna, Illas Baleares, Pompeu Fabra e Rovira i Vigili.