Aberta ata o 30 de xuño a inscrición na I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, que se celebrará en Veterinaria
A rede de Inmunoxenómica de enfermidades de peixes e moluscos (Inmunogemon), formada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, promove a organización da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, un foro que se desenvolverá a finais de novembro deste ano na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, pero cuxo prazo de inscrición e presentación de traballos remata o vindeiro 30 de xuño.
O obxectivo desta xornada pasa por favorecer a reunión de investigadores predoutorais que traballen en temas relacionados coa acuicultura, co fin de que aproveiten este encontro para presentar e discutir os resultados das súas investigacións neste eido.
As persoas interesadas en participar neste foro de novos investigadores no eido da acuicultura poden xa formalizar a súa inscrición na web da xornada. O custe da matrícula é de 20 euros e inclúe manutención. Cada persoa inscrita só poderá presentar un traballo de investigación a debate. Os organizadores deste foro agasallarán con diversos premios aos autores da mellor presentación e do mellor póster científico. Pódese obter máis información ao respecto deste foro na páxina web das xornadas ou tamén a través dos enderezos de correo electrónico jesus.lamas [at] usc.es (jesus[dot]lamas[at]usc[dot]es); roberto.bermudez [at] usc.es (roberto[dot]bermudez[at]usc[dot]es) e yolandatorres.corral [at] usc.es (yolandatorres[dot]corral[at]usc[dot]es.)