Ir o contido principal

As enxeñerías e o medio rural, territorios ‘masculinizados’

Las ingenierías y el medio rural, territorios ‘masculinizados’
Las ingenierías y el medio rural, territorios ‘masculinizados’
As enxeñarías continúan a ser un ámbito universtiario “masculinizado”, unha característica que aínda se acentúa máis cando se asocia co medio rural, tal e como se puxo de manifesto este xoves na...
Lugo

As enxeñarías continúan a ser un ámbito universtiario “masculinizado”, unha característica que aínda se acentúa máis cando se asocia co medio rural, tal e como se puxo de manifesto este xoves na cerimonia de entrega de premios do II Concurso de Traballos Fin de Grao ‘Enxeñaría e Muller Rural’, un certame impulsado pola Comisión de Igualdade e Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC do que resultaron gañadores a graduada en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias María Nerea Fernández Canto e o graduado en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria Ismael Moeda Doval. O tribunal encargado de fallar a segunda edición deste certame, que procura facer máis visible a figura da muller nos eidos da enxeñaría, así como a súa contribución ao desenvolvemento e á mellora da calidade de vida no medio rural, tamén outorgaron cadanseu accésit a María Amparo Ferreira Golpe e Paula Núñez de Miguel.

 

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, presidiu o acto de entrega destes galardóns, unha sesión na que a directora xerente da adega Mar de Frades, a enóloga e enxeñeira agrónoma egresada do campus de Lugo, Paula Fandiño, relatou as distintas conquistas acadadas nas últimas décadas pola muller tanto nos sectores produtivos primarios como no terreo das enxeñarías, ao tempo que fixo un chamamento a dar un paso máis neste eido. “Agora chegou o momento de romper o chamado teito de cristal e as mulleres temos que incorporarnos aos consellos de administración das empresas”, dixo a xerente de Mar de Frades.

 

A alcaldesa do Concello de Lugo, a tamén enxeñeira agrónoma Lara Méndez, trasladou os seus parabéns á presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, a profesora María Dolores Fernández Rodríguez, así como ás demais persoas que impulsaron unha iniciativa que conxuga un binomio difícil para as mulleres, como é o caso do medio rural e o das enxeñarías. Méndez salientou asemade a importante pegada feminina a prol do desenvolvemento do medio rural e da mellora da calidade de vida a través da innovación.

 

A alcaldesa de Lugo tamén fixo alusión á cada vez menor porcentaxe que encamiñan o seu futuro universitario cara a unha enxeñería e máis aínda se está ligada ao medio rural. Neste senso, Méndez lembrou que a relación de estudantes matriculadas o presente curso en estudos de enxeñaría agrícola na EPSE sitúase arredor do 30%, máis de dez puntos menos que en anos anteriores.

 

Traballos premiados

O estudo sobre a caracterización de proteínas de orixe vexetal realizado no seu traballo de fin de grao pola enxeñeira María Nerea Fernández Canto, quen logo e xa nunha fase práctica desenvolvería nas instalación de Innolact un produto para untar alternativo ao de orixe animal, mereceu o primeiro premio nesta convocatoria de galardóns, unha iniciativa orientada a poñer en valor a figura e as achegas da muller no eido das enxeñarías, a través do recoñecemento de traballos innovadores e cuxa temática contribúa a mellorar as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.

 

A outra das propostas premiadas na segunda edición dos premios a traballos fin de grao sobre Enxeñaría e Muller Rural leva por título ‘Proxecto de reforma dunha explotación porcina de destete para 5791 cabezas en O Coto, Toques’, unha candidatura presentada polo tamén enxeñeiro Ismael Moeda Doval.

 

Os dous enxeñeiros que veñen de completar os seus estudos de grao na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC recibirán cadansúa gratificación en metálico de 200 euros, ademais do correspondente diploma acreditativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.