Banda Crebinsky abre este martes 28 de xuño no parque Rosalía de Castro de Lugo o cartel musical do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’
A Banda Crebinsky, xurdida dun universo imaxinario fuxido do filme Crebinsky, abre este martes 28 de xuño, a partir das 21.00 horas, no anfiteatro do parque Rosalía de Castro de Lugo, a programación musical do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’, un programa impulsado pola área de Cultura do campus de Lugo e organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo. Logo de verse na obriga de suspender, por causas metereolóxicas, a súa última actuación programada en Lugo, os integrantes da Banda Crebinsky terán este martes unha nova ocasión para achegar ao público lugués a súa música. Esta banda conta xa cunha ampla bagaxe musical e tamén ten probada capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o klezmer ou o folk, rock, música clásica ou experimental.
Banda Crebinsky publicou no 2010 o seu primeiro disco titulado Banda Crebinsky, cos temas da B.S.O. composta por Pablo Pérez Sanmamed do filme Crebinsky. A partir dese momento comezan a ofrecer concertos en diversos formatos e comezan tamén a recibir diversos premios, ademais de nomeamentos aos Premios da Música Independente ou, entre outros, aos ‘Mestre Mateo’. Dous anos despois de sacar á luz o seu primeiro traballo, Banda Crebinsky publica o seu segundo disco ‘Jet lag’, no que a formación galega opta por un son máis ecléctico e directo. Este disco de 50 minutos contén 12 temas, nos que mestura temas cantados e instrumentais. Banda Crebinsky incorpora no 2014 ao cantante/actor Sergio Zearreta, co que xa colaboraran antes e que pasa a integrar a relación de compoñentes dunha formación da que tamén forman parte Vadmin Yukhnévich (voz e baián), Fernando Abreu (clarinete, mandolina e voz), Xacobe Lamas (violín), Enrique Otero (teclados e voz), Pablo Carrera (guitarra e voz), Pablo Pérez Sanmamed (composición e contrabaixo) e Miguel Queixas (batería).
O concerto de Banda Crebinsky será o primeiro das dúas actuacións programadas ao abeiro do ciclo ‘Entre Lusco e Fusco’, unha proposta cultural que vén de retomar este ano a área de Cultura do Campus de Lugo da USC coa intención de recuperar espazos naturais da cidade. No marco da mesma tamén está previsto un concerto de Natalia Millán, que actuará no parque Rosalía de Castro de Lugo o vindeiro 6 de xullo. Nesta ocasión, Natalia Millán estará acompañada polos músicos de Zércalo. Os dous concertos programados no marco do ciclo musical ‘Entre Lusco e Fusco’ trasladarán o seu escenario ao Círculo das Artes de Lugo no caso de que as condicións meteorolóxicas impidan as actuacións ao aire libre.