Ir o contido principal

Campus Terra da USC, unha “opción de prestixio”

 Campus Terra de la USC, una “opción de prestigio”
Campus Terra de la USC, una “opción de prestigio”
Máis de 460 estudantes de ensino medio procedentes de 11 centros educativos das provincias de Lugo e A Coruña (CPI Tino Grandío, de Guntín; IES Monte Castelo, de Burela; IES de Becerreá; IES Ánxel...
Lugo

Máis de 460 estudantes de ensino medio procedentes de 11 centros educativos das provincias de Lugo e A Coruña (CPI Tino Grandío, de Guntín; IES Monte Castelo, de Burela; IES de Becerreá; IES Ánxel Fole; IES Lucus Augusti, de Lugo; IES Gregorio Fernández, de Sarria; IES Xograr Afonso XII, de Sarria; CPR Divina Pastora-Salesianos, de Lugo; IES San Rosendo, de Mondoñedo; IES Fontem Albei, da Fonsagrada, e CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto) visitaron este venres os distintos centros da sede universitaria luguesa, a través do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos deste campus da USC a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

 

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ nesta sede universitaria, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, logo de recomendar o Campus Terra como “opción universitaria intelixente e de calidade acreditada polo prestixio do que goza a USC”, fixeron unha presentación xenérica do campus. De seguido, varios estudantes universitarios ofreceron aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataron algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

 

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional (arredor do 16% do novo estudantado) o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, “unha universidade que persigue a excelencia”.

 

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

 

O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno”, dixo. O coordinador en Lugo do programa ‘A Ponte’ adiantou asemade que esta nova edición dos ‘Encontros no Campus Terra de Lugo rematarán o 24 de abril con outra xornada de achegamento ao estudantado preuniversitario na que se agarda a participación de preto de 350 alumnos/as de ensino medio procedentes doutros sete centros educativos.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.