‘Ciencia para xoves investigadores’ da Facultade de Ciencias no Campus Terra inicia no mundo da experimentación a medio centenar de estudantes
O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC permitiu este mércores que medio centenar de alumnos de último curso de Eso do Colexio Padres Franciscanos de Lugo se achegaran ao mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas en laboratorio.
O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, deu a benvida á delegación estudantil nun breve acto de acollida, no marco do que os coordinadores dos títulos de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, os profesores Gerardo Pereira e Jesús Casabiell, fixeron unha breve presentación destes itinerarios formativos, ao tempo que explicaron as distintas vías de inserción laboral ás que dan acceso estes títulos universitarios.
Dacordo co programa que rexe o desenvolvemento destas xornadas e tal e como o fixeron os estudantes de ensino medio procedentes de centros educativos de Láncara e O Saviñao, así como o alumando dos IES Ánxel Fole, Sanxillao e do Colexio María Auxiliadora de Lugo que xa xa foi protagonista deste programa de estímulo de vocacións científicas, a delegación estudantil do Colexio Padres Franciscanos comezou a súa inmersión no mundo da experimentación coa vestimenta dos equipos de protección individual (Epi). Logo, distribuídos en grupos e acompañados por diversos profesores, os futuros investigadores tiveron a oportunidade de coñecer os traballos e procesos que se desenvolven nos laboratorios a través de vistosas actividades prácticas.
O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’, no que este ano participan 450 escolares procedentes de 12 centros educativos da provincia de Lugo, terá continuidade ata o vindeiro mércores coa visita de estudantes do Colexio San José e dos Ies Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grande. Este programa de visitas aos laboratorios da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC terá continuidade do 22 ao 25 de maio con alumnado do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, así como do Colexio Marista La Inmaculda e Colexio Divino Maestro, tamén emprazados na capital luguesa.