Do Campus Terra a Wageningen, interesada pola agronomía
A enxeñeira agrónoma titulada na Escola Politécnica Superior do Campus Terra e membro do grupo de investigación da USC GI-1716 Proxectos e Planificación (Proepla) Susana López Rodríguez está a completar unha mestría en Ciencias Ambientais na universidade holandesa de Wageningen logo de conseguir unha das 120 bolsas de posgrao convocadas pola Fundación La Caixa.
Susana López cursou enxeñería técnica Agrícola e enxeñería Agrónoma na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, onde se especializou en Medio Ambiente e Xestión de Recursos Rurais, para logo rematar os seus estudos en 2013 cun proxecto sobre a análise de ciclo de vida aplicado á recuperación de solos contaminados por metais pesados a través de cultivos agrícolas.
Esta liña de investigación encádrase no marco dunha acción de investigación de carácter interuniversitaria na que participaron o grupo Proepla da USC xunto con investigadores da Área de Proxectos de Enxeñaría (Api) da Universidade de Oviedo.
Nesta mesma orientación formativa, Susana López Rodríguez está a cursar na actualidade unha mestría en Ciencias Ambientais na Universidade de Wageningen, unha institución académica especializada en agricultura, silvicultura e medio ambiente, disciplinas nas que está considerada unha das mellores universidades do mundo por varios rankings internacionais. Este indicador constitúe unha das razóns polas que esta egresada da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC optou por esta universidade dos Países Baixos para poder especializarse en medio ambiente, pero desde unha dimensión sempre conectada coa agricultura.
Satisfeita pola experiencia formativa que está a gozar en Wageningen, esta bolseira valora a flexibilidade que permite esta universidade á hora de completar o programa de materias do posgrao en Ciencias Ambientais, especialidade en Sistemas de Análise Ambiental, con calquera das materias impartidas na Universidade de Wageningen. Esta investigadora confía en poder acadar a través desta nova experiencia formativa unha perspectiva ampla dos problemas ambientais relacionados coa agricultura, así como respecto da súa relación con políticas agrícolas e ambientais, os hábitos de consumo e o desenvolvemento.