Ir o contido principal

Do mar aos cultivos: así é o percorrido das algas no Campus Terra

Do mar aos cultivos: así é o percorrido das algas no Campus Terra
Do mar aos cultivos: así é o percorrido das algas no Campus Terra
A EPS de Enxeñaría traballa con Feuga, o equipo VIOR do CSIC e varias empresas galegas no proxecto sustentable Algaterra
Lugo

Cando o verán remata e chegan as baixas temperaturas, as praias pasan de estar habitadas por toallas, parasois de distintas cores e persoas que gozan do sol a presentar outro tipo de organismos que tamén precisan a enerxía desta estrela: as algas.

 

O grupo Agronomía da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC vén de poñer o seu foco neste ser vivo ao abeiro do proxecto Algaterra. Esta iniciativa de I+D conta cun financiamento de 146.371 euros do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural a través do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 e atópase liderada por Porto-Muiños SL.

 

O seu principal obxectivo é o desenvolvemento de insumos agrícolas con descartes de algas mariñas procedentes da industria alimentaria para mellorar cultivos en ecolóxico e producións tradicionais sustentables.

 

Ao igual que as algas achegan unha chea de beneficios ao medio ambiente, tamén a colaboración é un dos aspectos que non falta neste traballo, pois nel participan a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), o equipo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e as empresas Adegas Terras de Asorei, Riveiro Ecológicos e Horta da Lousa.

 

Neste senso, Algaterra naceu coa meta de promover o aproveitamento ecolóxico dos refugallos de algas que a industria alimentaria non emprega e que si poden utilizarse na elaboración de novos produtos. Así, entre as súas actuacións atópase o uso de técnicas como o deshidratado ou a moenda de algas, e outras máis complexas como a elaboración de extractos naturais para enriquecer as condicións e as producións de cultivos de horta, pataca ou vide.

 

Nos últimos anos, este tipo de sistema de traballo incrementou considerablemente a súa superficie, tanto en Galicia como en España. Como consecuencia da súa evolución, o sector comezou a demandar novos insumos que poidan contribuír ao crecemento das súas plantacións. Precisamente para darlles resposta as súas peticións é polo que navega o proxecto Algaterra xunto coa verde pegada da sostibilidade do Campus Terra e, por suposto, tamén das algas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.