Ir o contido principal

Docentes procedentes de África e Asia coñecen O Campus Terra da USC a través do proxecto europeo Erasmus Plus KA-107

Docentes procedentes de África y Asia conocen el Campus Terra de la USC a través del proyecto europeo Erasmus Plus KA-107
Docentes procedentes de África y Asia conocen el Campus Terra de la USC a través del proyecto europeo Erasmus Plus KA-107
Unha delegación de docentes procedentes de universidades e centros de investigación de diversos países de África e Asia están a completar esta semana unha estadía no Campus Terra da USC ao abeiro do...
Lugo

Unha delegación de docentes procedentes de universidades e centros de investigación de diversos países de África e Asia están a completar esta semana unha estadía no Campus Terra da USC ao abeiro do proxecto europeo Erasmus Plus KA-107, un programa que impulsa a mobilidade e colaboracións internacionais entre institucións europeas e non europeas.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da sede universitaria luguesa, Andrés Barreiro, ofreceron este luns unha recepción á delegación universitaria internacional, durante a que os responsables académicos da USC presentaron a oferta académica, así como os servizos que se ofrecen no campus de Lugo e as principais liñas de investigación que se desenvolven.

 

Unha vez rematada esta primeira recepción institucional, a delegación de docentes procedentes de Armenia, Tunicia, Palestina, Líbano, Xordania e India tivo a oportunidade de gozar unha visita guiada pola Domus do Mitreo, para logo completar un percorrido pola capital luguesa.

 

Esta delegación de profesorado internacional, que permanecerá en Lugo esta semana, aproveitará a súa estadía no Campus Terra para afondar no coñecemento desta sede universitaria, estreitar ligazóns e abordar futuras liñas de colaboración cos seus centros de procedencia. O profesorado visitante tamén guiará diversas actividades docentes estes días nos distintos centros do campus lugués.

 

O proxecto europeo Erasmus Plus KA-107 traerá tamén este martes de visita a Lugo outra delegación de profesorado internacional chegado esta semana aos campus de Santiago da USC. Nesta ocasión, os 22 docentes e investigadores beneficiarios deste programa europeo proceden de centros de Afganistán, Marrocos, Tunicia, Exipto, Palestina, Líbano, Xordania e China.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.