Ir o contido principal

Estudantes da Escola Politécnica Superior do Campus Terra gañan o campionato nacional de dirección de proxectos iPMC

Estudiantes de la Escuela Politécnica Superior del Campus Terra ganan el campeonato nacional de dirección de proyectos iPMC
Estudiantes de la Escuela Politécnica Superior del Campus Terra ganan el campeonato nacional de dirección de proyectos iPMC
O equipo integrado por Joaquín Abadín, Iván Adrio, Raico Álvarez e Patricia Fernández, estudantes do Máster Oficial en Dirección de Proxectos impartido pola USC na Escola Politécnica Superior do...
Lugo

O equipo integrado por Joaquín Abadín, Iván Adrio, Raico Álvarez e Patricia Fernández, estudantes do Máster Oficial en Dirección de Proxectos impartido pola USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, vén de proclamarse campión da fase española da terceira edición do Campionato Internacional en Dirección de Proxectos (iPMC), logo de completar coa puntuación máis alta as probas desenvolvidas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas de Seguridade da Universidade Politécnica de Madrid.

 

O novo éxito colleitado por esta delegación de estudantes de mestrado no Campus Terra da USC refrenda o liderado e a calidade da formación ligada á dirección de proxectos que se imparte na Escola Politécnica Superior de Lugo, que xa en 2016 acadou a vitoria da fase nacional deste certame internacional, que se desenvolve integramente en idioma inglés e que está apoiado pola International Project Management Association (IPMA), a  través da súa división xuvenil, IPMA Young Crew, á que pertence Aeipro Joven.

 

A vitoria na competición española deste certame clasifica ao equipo da EPS para a fase final deste campionato, que se desenvolverá do 9 ao 11 de xuño en Brijuni (Croacia), a onde os estudantes do Campus Terra da USC viaxarán de balde, ademais de coas taxas de exame xa aboadas para obter a acreditación IPMA-DI. Nesta fase final do torneo, a delegación estudantil da EPS, que representa a España, deberá medir as súas habilidades e competencias con outros equipos procedentes de Lituania, Finlandia, Croacia e Serbia.

 

O percorrido xa completado por estes catro universitarios do campus lugués no marco deste campionato non foi doado. De feito, estes estudantes da EPS tiveron que superar unha primeira criba en liña trala que se clasificaron seis das oito candidaturas inscritas: BPMSat, Universidade de Valladolid, Universidade Europea Miguel de Cervantes, Escola de Enxeñarías Industriais de Badaxoz, Escola Politécnica Superior da USC, Escola Superior de Enxeñaría da Universidade de Cádiz e dous equipos da Universidade Politécnica de Madrid

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.