Exercicio físico e saúde, a debate este venres 11 de maio no Campus Terra da USC
A doutora Charo Solana Galdámez, especialista en Medicina da Educación Física e o Deporte, imparte este venres 11 de maio, a partir das 18:00h, na Casa do Saber do Campus Terra, a charla-coloquio ‘Exercicio físico e saúde’, organizada pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela Alumni USC.
A doutora Solana é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Zaragoza e na actualidade ostenta o cargo de vicepresidenta da Asociación Galega de Medicina do Deporte. É coautora de múltiples publicacións de referencia no eido da medicina deportiva e ten sido docente en cursos organizados polo Comité Olímpico Español, así como na Escola Universitaria de Enfermería do Campus Terra, onde impartiu a materia ‘Nutrición e Dietética’.