Ir o contido principal

Explorer USC Lugo bota a andar unha nova edición do programa ‘Mozos con ideas’ con 13 proxectos de 23 emprendedores

Explorer USC Lugo echa a andar una nueva edición del programa 'Jóvenes con ideas' con 13 proyectos de 23 emprendedores
Explorer USC Lugo echa a andar una nueva edición del programa 'Jóvenes con ideas' con 13 proyectos de 23 emprendedores
O Explorer USC bota a andar en Lugo  unha nova edición do programa ‘Mozos con ideas’ con 13 proxectos de negocio impulsados por 23 persoas emprendedoras, tal e como sinalou este luns no espazo...
Lugo

O Explorer USC bota a andar en Lugo  unha nova edición do programa ‘Mozos con ideas’ con 13 proxectos de negocio impulsados por 23 persoas emprendedoras, tal e como sinalou este luns no espazo de coworking habilitado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra o reitor da USC, Juan Viaño, no acto de inauguración do novo curso dunha iniciativa do Santander Universidades para fomentar o talento e a innovación entre a mocidade que xa vai pola súa novena edición.

 

A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Begoña Barreiro; o subdirector Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Juan José Lirón Lago; a presidenta da delegación Secot (Voluntariado Sénior de Asesoramento Empresarial) de A Coruña, Áurea López Tocino; a coordinadora de Explorer USC Lugo, Patricia González Alonso, e o director da oficina universitaria do Banco Santander na sede universitaria luguesa, Javier Caldeiro Pérez, tamén participaron nesta sesión inaugural, un acto no que tamén interviñeron Vanessa Pérez Cedrón, promotora de ZebraNanoTox, o proxecto gañador na sede de Lugo da pasada edición do Yuzz, e, como representante dos participantes no Explorer USC Lugo deste ano, Xoel Parga Maseda, promotor de ReLife.

 

As persoas destinatarias desta edición do programa Santander Explorer ‘Mozos con ideas’, que impulsa o talento e a xeración de ideas innovadoras entre a mocidade, son mozos e mozas de entre 18 e 31 anos de Lugo. O programa está promovido polo Banco Santander a través do Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) co apoio local da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago e Lugo) e a Xunta de Galicia. Da magnitude desta iniciativa dá conta a creación de 500 empresas ou a incorporación de preto de mil emprendedores con mil proxectos en toda España.

 

Logo do proceso de selección, a sede do Explorer USC Lugo acubilla un total de 13 proxectos ou propostas de negocio innovadoras impulsadas por un total de 23 persoas, que como emprendedores seleccionados nesta edición do programa, poden beneficiarse do acceso a un espazo coworking de alto rendemento habilitado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC. Nestas novas dependencias, as persoas usuarias contan cun espazo físico para desenvolver a súa idea e relacionarse con outros emprendedores, ademais de recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais. Durante esta estadía reciben asesoramento personalizado para o desenvolvemento do seu proxecto.

 

Para a selección de participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria persoal, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e, entre outros parámetros, o potencial de crecemento do negocio.

 

Unha vez finalizado o proceso de formación e apoio, a persoa ou grupo de persoas promotor do mellor proxecto emprendedor de Explorer USC Lugo, realizará unha viaxe a Silicon Valley, o referente internacional más importante en innovación e emprendemento, onde se lle brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos nacionais desta nova edición do programa ‘Mozos con ideas’ recibirán cadanseu premio de 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para acelerar o desenvolvemento do seu negocio.

 

Outros dos galardóns aos que poden optar as persoas emprendedoras seleccionadas para tomar parte nesta edición do programa son o premio Woman Explorer Award, impulsado pola Fundación EY e que inclúe unha gratificación en metálico de 20.000 euros para o mellor proxecto liderado por unha muller, e o distintivo de innovación Disruptive Technology Explorer Award, impulsado por INDRA e que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio más innovador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.