Ir o contido principal

Gapavet mantén aberta a inscrición para o ‘Curso básico en diagnóstico clínico e patolóxico en anfibios e peixes’

Gapavet abre o luns 15 de abril a inscrición para o ‘Curso básico en diagnóstico clínico e patolóxico en anfibios e peixes’
Gapavet abre o luns 15 de abril a inscrición para o ‘Curso básico en diagnóstico clínico e patolóxico en anfibios e peixes’
O ‘Curso básico en diagnóstico clínico e patolóxico en anfibios e peixes’, recoñecido con tres créditos ECTS, impulsado polo grupo de investigación Gapavet (Anatomía Patolóxica Veterinaria) da USC e...
Lugo

O ‘Curso básico en diagnóstico clínico e patolóxico en anfibios e peixes’, recoñecido con tres créditos ECTS, impulsado polo grupo de investigación Gapavet (Anatomía Patolóxica Veterinaria) da USC e que terá lugar entre os días 29 e 31 de maio na Facultade de Veterinaria, mantén aberta a súa preinscrición.

 

Este é un curso teórico-práctico que ten como obxectivo amosar diferentes técnicas de monitorización de poboacións silvestres e de diagnóstico, aplicadas ao estudo das enfermidades de peixes e anfibios. Durante a parte práctica do curso estudaranse casos prácticos en campo, empregando a metodoloxía necesaria para avaliar e monitorizar poboacións silvestres destas especies. Ademais os asistentes realizarán técnicas de diagnóstico non letais, necropsias e tomarán mostras para diferentes estudos. Asemade, terán  oportunidade de avaliar ao microscopio diversos casos co obxectivo de adquirir nocións básicas de citoloxía e histopatoloxía en peixes e anfibios, e coñecer algunhas das súas enfermidades máis comúns e algunhas non tan frecuentes.

 

Este curso está dirixido a profesionais (biólogos ou veterinarios) de centros de conservación e manexo de fauna silvestre, veterinarios con interese na práctica clínica de animais exóticos ou de acuario, e estudantes de veterinaria e bioloxía. O número de prazas é limitado, por iso se abre un período de preinscrición que rematará o 30 de abril. A continuación, o período específico de matrícula estenderase entre o 2 e o 15 de maio. Os procedementos a seguir poden consultarse nesta ligazón.

 

María Forzán da Cornell University, Raphael Vanderstichel da University of Prince Edward Island, así como os docentes da USC Maribel Quiroga (coordinadora de Gapavet), Roberto Bermúdez, Ana Losada e Paolo Ronza serán os responsables de impartir este ‘Curso Básico en Diagnóstico Clínico e Patolóxico en Anfibios e Peixes’ que acollerá a un máximo de 25 alumnos e alumnas. Gapavet forma parte da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra ‘BioReDes’.

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.