Humanidades rende homenaxe ao catedrático Antonio Rodríguez Colmenero na festa do patrón
A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC celebrou este xoves o acto institucional conmemorativo da festividade do patrón, San Isidoro, unha sesión que serviu tamén para render homenaxe ao catedrático de Arqueoloxía Antonio Rodríguez Colmenero, ao que a Facultade de Humanidades agasallou cunha insignia.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a deputada provincial Pilar García Porto, foron os encargados de conducir esta sesión conmemorativa da festividade de San Isidoro, no marco da que o profesor Rodríguez Colmenero ofreceu o relatorio ‘Voluntario rendemento de contas dun profesor universitario xubilado da súa Facultade de Humanidades’.
Unha vez rematada a quenda de intervencións, os responsables académicos fixeron entrega do Premio Extraordinario do Máster Universitario en Servizos Culturais, que recolleu Tamara López Fernández. As tituladas o curso pasado con mellor expediente académico nos graos en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Soraya Martínez Bautista e Sara Rey Vispo, respectivamente, e no grao en Lingua e Literatura Española, Rebeca Villapol Baltar, merecedoras tamén desta distinción académica, non participaron no acto.
A celebración da festividade de San Isidoro serviu tamén para a clausura da exposición ‘ Galicianas: Mulleres galegas facendo historia', organizada polo presidente da asociación cultural ‘Vai rañala meu!!’ de Música Tabernaria, Daniel Cánovas. A presentación das actividades de visibilización de mulleres silenciadas ‘Vítimas de violencia machista’ e ‘Mulleres defensoras dos dereitos humanos’, iniciativas coordinadas pola profesora Beatriz Fernández Herrero e a intervención do grupo vocal Solo Voces completaron o programa de actividades desta sesión académica.