Humanidades visita seis novos centros de Secundaria, Formación Profesional e escolas de Arte
O vicedecano da Facultade de Humanidades no Campus Terra da USC, Gonzalo Fernández, visitará seis novos centros de Secundaria, Formación Profesional e escolas de Arte coa intención de presentar o Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, así como en Lingua e Literatura Española, entre o seu alumnado.
O vindeiro martes 14 de marzo, Fernández acudirá ao CIFP Compostela, a Escola de Arte e Superior de Deseño “Mestre Mateo” e o IES Plurilingüe Rosalía de Castro, todos eles en Santiago de Compostela. O mércores 15 será a quenda da cidade de A Coruña coa Escola de Arte e Superior de Deseño “Pablo Picasso” e o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda. Finalmente, o venres 17, a Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”, situada en Lugo, pechará a rolda de visitas.
Durante as sesións, o vicedecano de Humanidades fará especial fincapé en explicar en que consiste a modalidade semipresencial en virtude da cal pode cursarse tanto o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural como o mestrado en Servizos Culturais. Deste xeito, os alumnos e alumnas poden estudar un título dende os seus fogares botando man dunha plataforma virtual e asistindo presencialmente só ás aulas que lles interesen.