Ir o contido principal

Isabel Aguirre, coordinadora do máster en Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega: “coñecer a paisaxe levaranos a respectala”

Isabel Aguirre, coordinadora del máster en Arquitectura del Paisaje Juana de Vega: “Conocer el paisaje nos lleva a respetarlo”
Isabel Aguirre, coordinadora del máster en Arquitectura del Paisaje Juana de Vega: “Conocer el paisaje nos lleva a respetarlo”
O máster de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega nace no ano 2006 froito dun convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de...
Lugo

O máster de Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega nace no ano 2006 froito dun convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega co obxectivo de dar formación especializada no ámbito do paisaxismo, cubrindo o burato formativo existente no sistema universitario español e galego en relación á disciplina da arquitectura da paisaxe e o complexo mundo de coñecementos que se relacionan coa mesma. O prazo para solicitar a admisión na edición actual permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de agosto. A directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre de Urcola, explícanos que aporta este máster ao seu alumnado.

 

Campus Terra (C.T.): Isabel, que metas persegue este máster?

Isabel Aguirre (I.A.): O obxectivo principal é dar unha formación específica no ámbito da Paisaxe que enriqueza os coñecementos do alumnado sobre a natureza do territorio: vexetación, xeoloxía, edafoloxía, hidrografía; coñecementos de sistemas gráficos e de análise do territorio, metodoloxía do proxecto, etc. En resumo, dotar os alumnos de capacidades para poder estudar, propor solucións ou facer proxectos tanto en espazos naturais coma en espazos urbanos.

 

C.T.: Cales son as principais saídas profesionais do seu máster?

I.A.: As saídas profesionais deste máster  sitúanse en traballos relacionados con intervencións no territorio, a pequena ou a gran escala, segundo as atribucións profesionais de base dos alumnos, pero cunha visión moito máis ampla do territorio que permite unha maior comprensión do que é a paisaxe, o seu valor patrimonial e cultural, para así poder facer propostas ou proxectos, cunha bagaxe maior de coñecemento e con maior sensibilidade.

 

C.T.: De que modo Campus Terra da USC está implicado neste máster?

I.A.: Considero que no mundo actual, onde a nosa supervivencia depende en gran medida de conseguir que o noso desenvolvemento sexa sostible, ter un máis profundo coñecemento de todas as materias que se relacionan coa natureza, co territorio, en resumo,  coa paisaxe, é fundamental, e iso é no que o Campus Terra da USC está implicado neste máster. Coñecer en profundidade o que é a paisaxe levaranos a respectala, coidala e a considerala o noso maior patrimonio. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.