Ir o contido principal

Lugo Cultural dará continuidade en 2018 aos ciclos de música, teatro, danza, fotografía, cine, letras e creación no Campus Terra

Lugo Cultural dará continuidad en 2018 a los ciclos de música, teatro, danza, fotografía, cine, letras y creación en el Campus Terra
Lugo Cultural dará continuidad en 2018 a los ciclos de música, teatro, danza, fotografía, cine, letras y creación en el Campus Terra
A programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, permitirá dar continuidade en 2018 á oferta...
Lugo

A programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, permitirá dar continuidade en 2018 á oferta de ciclos de música, teatro, danza, fotografía, cine, letras e outras formas de creación que se desenvolven na sede universitaria luguesa e nos que o pasado ano participaron máis de 5.000 espectadores.

 

Os concertos, festivais, cursos, encontros, seminarios e obradoiros creativos promovidos ao abeiro do Lugo Cultural, un acordo de colaboración institucional que se mantén desde hai preto de medio século, constitúen unha programación cultural “ampla e de calidade, que xa resulta imprescindible para Lugo”, segundo se puxo de manifesto este martes na presentación da oferta cultural programada para a primeira metade do ano no marco dun acto celebrado na Domus do Mitreo e no que interviñeron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto.

 

A programación musical do Lugo Cultural concéntrase en gran medida dos ciclos ‘Músicas a Carón da Mosqueira’, que botará a andar o 19 de febreiro na Casa do Saber cun concerto do guitarrista David Antigüedad, e ‘Lubicán’, unha fiestra musical aberta aos novos creadores galegos e en galego, que ten fixada a súa primeira parada o 22 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, coa actuación do grupo ‘De Vacas’.

 

O ciclo de cámara ‘Músicas a Carón da Mosqueira’, estruturado este ano en oito concertos e no que participarán, entre outros, Kebyart Ensemble, Anaulf Dúo e Mario Mora , inclúe como novidades unha actuación do Coro da Universidade de Santiago e Capela Compostelana, previsto para o 14 de maio no Círculo das Artes de Lugo, e o ciclo ‘Na Calzada’, que traerá á Casa do Saber os primeiros luns de marzo, abril e maio a novos compositores e intérpretes lugueses, tales como Raiceira, Julia Martínez e Andrés Martínez ou Trío Tre Conde, que están no camiño de impulsar e desenvolver o seu labor artístico.

 

O Lubicán ten catro citas no calendario de 2018. Así, logo do concerto de De Vacas, no mes de febreiro, a formación Dhogs estreará o seu último traballo o 15 de marzo no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Xa en abril, Caxade ofrecerá o último xoves do mes a súa música na Praza de Santa María, o mesmo escenario no que O Sonoro Maxín botará o pano deste ciclo a finais de maio.

 

O ‘Lubicán íntimo’ ofrece tamén a posibilidade de gozar na Casa do Saber da música de MJ Pérez, A Banda da Loba ou Os Minhotos os días 23 de marzo, 27 de abril e 25 de maio respectivamente. Os ‘ Xoves de Moda’, que nesta ocasión terán como protagonistas convidados ao produtor e director e guionista de ‘Dohgs’, Suso López e Andrés Goteira, respectivamente; Toni Jodar, e María Mendoza e Nate Borrajo, completan as accións programadas no ciclo Lubicán 2018.

 

O Festival de Teatro Universtiario, que se celebrará do 14 ao 21 de marzo; o Encontro de Danza, que terá lugar do 23 ao 24 de marzo no Vello Cárcere; unha nova edición do Curso de Primavera, o maratón cinematográfico ‘FindeCurta’ e o obradoiro de música experimental ‘Sons Creativos’, son outros dos eventos integrados no Lugo Cultural de 2018, unha programación que volve a apostar polo programa ‘Noite na Domus’, que inclúe catro visitas musicadas ao xacemento da Domus do Mitreo de marzo a maio, ao tempo que incorpora como novidade ‘Performativo’, un espazo de creatividade e experimentación no eido da performance e da videocreación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.