Ir o contido principal

Luís Miguel Botana, catedrático da USC no Campus Terra: “O cambio climático é sobre todo un problema de seguridade alimentaria”

Luis Miguel Botana, catedrático de la USC en el Campus Terra: “El cambio climático es sobre todo un problema de seguridad alimentaria”
Luis Miguel Botana, catedrático de la USC en el Campus Terra: “El cambio climático es sobre todo un problema de seguridad alimentaria”
Trátase dun dos nomes de referencia cando se fala de investigación no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Luís Miguel Botana ten entre mans distintos proxectos, un dos cales...
Lugo

Trátase dun dos nomes de referencia cando se fala de investigación no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Luís Miguel Botana ten entre mans distintos proxectos, un dos cales aborda como o cambio climático constitúe un problema grave de saúde xa que contribúe á proliferación de micotoxinas nos cereais.

 

Campus Terra (C.T.): De que modo as micotoxinas afectan aos cereais?

Luís Botana (L.B.): Na actualidade estamos a traballar nun proxecto do programa Innterconecta destinado a favorecer a eliminación de micotoxinas en pensos. Este proxecto estamos a desenvolvelo en colaboración con Evialis, que é unha multinacional francesa de pensos e tamén con Cifga. Colabora con nós o grupo de Física de José Rivas da USC que traballa con nanopartículas. Estamos a utilizar as nanopartículas para suprimir as micotoxinas dos pensos. Co cambio climático, as toxinas dos cereais están aumentando e como as cantidades de penso que se manexan son tan altas, resulta imposible na práctica controlar a súa presenza. Isto fai que cando os animais son alimentados con penso que teña micotoxinas, manifesten problemas de reprodución graves, sobre todo porcos, coellos, gando vacún... Todo isto provoca abortos e constitúe un problema económico importante xa que ten difícil solución se non se eliminan as toxinas.

 

C.T.: Como tentades solucionar este problema?

L.B.: Imos estudar métodos para suprimir as toxinas do produto orixinal. Empezamos hai un par de meses. Cifga quere tamén obter patróns de micotoxina de cereais para certificalos e vendelos. O mercado das micotoxinas é un mercado moi grande. Por exemplo, as grandes multinacionais que venden cereais para nenos están sometidas a un control férreo. Trátase dun problema global que co cambio climático vai a peor. As zonas húmidas e con calor fan que as micotoxinas medren soas. A profesora da USC María Jesús Sáenz identifica os fungos, nós vemos que toxinas producen, Física danos nanopartículas e Evialis danos fariñas problemáticas e, en conxunto, vemos como funciona o sistema. Agora mesmo o leite, o pan, os pistachos, todos os cereais, todo ten riscos de ter micotoxinas e moitas delas producen cancro. As toxinas mariñas mátante mentres comes, estas porén teñen un camiño de longo percorrido. Hai moitas que non están lexisladas e a súa presenza non se coñece. Os alimentos ecolóxicos non son tratados con pesticidas, aí os fungos medran sos, e ninguén controla a súa presenza. Se suprimes os pesticidas, medran as micotoxinas e viceversa. O mellor é eliminalas antes de que se detecten. O cambio climático é sobre todo un problema de seguridade alimentaria. A xente fala do incremento do nivel do mar pero ese non é o maior problema. Agora mesmo hai toxinas mariñas que están aparecendo en Europa, unha que se vai lexislar nova, consecuencia do cambio climático, antes non existía en en cinco anos está por todas partes. Cada vez vai ir a peor. Os alimentos ecolóxicos non son necesariamente moito mellores que os outros. As mazás ecolóxicas teñen unha cantidade de patulina moi alta.

 

C.T.: Por outra banda, están a estudar tamén como determinadas bebidas poden axudar en enfermidades neurodexenerativas.

L.B: O proxecto concedérono a finais do ano pasado pero na práctica comezou a contar dende o verán. Combina a dúas empresas que son Custom Drinks, pertencente a Estrella Galicia e Cifga, a empresa dedicada a estándares certificados da que xa falamos antes. Como nós temos bastante experiencia no estudo do efecto antioxidante, de produtos naturais, fundamentalmente mariños, encamiñados cara a redución de enfermidades neurodexenerativas (alzheimer, parkinson…), o que buscamos é ver que compostos pode haber nas bebidas de Custom Drinks, empresa que vende bebidas especiais que poden encargarse á carta, ou bebidas que eles queiran facer para proxectos de investigación. Teñen bebidas cunha gran carga de froitas tropicais, que son moi ricas en antioxidantes. Non son bebidas que todo o mundo teña, son bebidas que só posúen eles. Entón o que pretendemos é ver que antioxidantes teñen as bebidas que manexan, identificalos, estudalos en detalle. A idea é identificar todo o perfil de antioxidantes que teñen esas bebidas. Ver cales son os maioritarios e determinar que efectos producen. Loxicamente habería que beber moito de algo para crear un efecto medicinal. Trátase de empregar a ciencia para darlle valor de mercado a un produto concreto. Queremos ver se eses compostos teñen valor dende o punto de vista medicinal. Cifga quere identificar os compostos destas bebidas para, nos que sexan novos, desenvolver patróns para controles analíticos de calquera produto comercial que teña estes compostos.

 

C.T.: De que xeito os antioxidantes poden axudar neste tipo de enfermidades?

L.B.: Antioxidantes hai moitos. Por exemplo, existen moitos produtos naturais derivados de esponxas mariñas, algas, microalgas… que teñen acción antioxidante moi relevante e que teñen acción antialzheimer moi potente. No alzheimer agora mesmo non hai ningún medicamento eficaz pero hai moitos fármacos que axudan a reducir os síntomas e nós temos visto que hai compostos naturais que melloran o tempo de aprendizaxe de animais que teñen alzheimer xeneticamente inducido. Memorizan como ratos sans; mellora o seu comportamento cognitivo, aprenden mellor. Buscamos moléculas que podan frear o deterioro que implica o alzheimer. Produtos naturais hai moitos, pero estudados, moi poucos. Imos buscar esas moléculas nos productos de Custom Drinks ou moléculas novas que podan xerar eses efectos. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.