Ir o contido principal

Manuel Guaita, director de PEMADE: “Campus Terra ten unha gran proxección de futuro”

Manuel Guaita, director de PEMADE: “Campus Terra tiene una gran proyección de futuro”
Manuel Guaita, director de PEMADE: “Campus Terra tiene una gran proyección de futuro”
Arquitectos e enxeñeiros de toda España chegan cada ano ao Campus Terra para cursar o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un dos títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela e...
Lugo

Arquitectos e enxeñeiros de toda España chegan cada ano ao Campus Terra para cursar o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un dos títulos propios da Universidade de Santiago de Compostela e único no conxunto do mapa de titulacións do Estado. O seu director, o catedrático da USC, Manuel Guaita, explícanos a causa do éxito deste Máster e, sobre todo, por que a madeira é o material indispensable para crear un modelo de construción sustentable no século XXI.

 

Campus Terra (C.T.): Manuel, que coñecementos se obteñen a través do Máster que ofrece PEMADE (Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural)?

O máster está a ter un éxito moi grande. Levamos máis de sete anos con todas as prazas cubertas e isto débese a que estamos ante unha titulación que ocupa un baleiro de coñecemento moi especializado. Aquí chegan persoas que xa están tituladas e o que pretenden é profundar no coñecemento xa que este é un máster que trata en exclusiva, en toda España, o tema da madeira estrutural con toda a súa amplitude. O noso é un título extremadamente especialista e cando os campus se especializan, convértense na referencia da formación en España. A pesar de que a USC non ofrece o grao en Arquitectura, arquitectos de toda España veñen a Lugo a formarse por esa dedicación exclusiva que ofrece o Campus Terra.

 

C.T.: Como debería ser a construción do século XXI?

Para frear o cambio climático é necesario construír edificios eficientes enerxeticamente, é dicir, que podamos vivir en casas cunha demanda enerxética mínima, sen emitir CO2. Como a madeira ademais de bo illante térmico xa trae capturado dentro o propio CO2, permítenos facer as cousas ben desde o punto de vista da sustentabilidade e da eficiencia enerxética. Ademais, desde PEMADE estamos a tentar pelexar polo sector forestal galego. Galicia pola súa climatoloxía ten un vigor forestal tremendo. A sustentabilidade pasa polo uso dos materiais locais, todo o que supoña transporte implica gasto de CO2. Por tanto, o eficiente en termos de sustentabilidade é que empreguemos os materiais da contorna. Se Galicia é tan forte forestalmente, debe desenvolver a súa industria da madeira máis en profundidade, inventando novos produtos e xerando novos coñecementos. PEMADE pode ser o motor para iso, un lugar público no que as empresas poidan estar a facer ese I+D e incorporar madeira de Galicia a eses produtos.

 

C.T.: Que opinas do proceso de especialización que se está levando a cabo no Campus Terra?

Estamos nunha senda moi boa. A especialización é o camiño. Toda esa composición de títulos vinculados ao territorio converte o noso campus nun lugar moi atractivo e cunha gran proxección de futuro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.