Ir o contido principal

María Fiuza, coordinadora do Máster do Profesorado: “Lugo ten indicadores de calidade de vida moi positivos”

María Fiuza, coordinadora del Máster del Profesorado: “Lugo tiene indicadores de calidad de vida muy positivos”
María Fiuza, coordinadora del Máster del Profesorado: “Lugo tiene indicadores de calidad de vida muy positivos”
Aínda estás a tempo de solicitar a túa admisión no Máster do Profesorado que se imparte no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo remata o vindeiro 4 de agosto, por iso,...
Lugo

Aínda estás a tempo de solicitar a túa admisión no Máster do Profesorado que se imparte no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo remata o vindeiro 4 de agosto, por iso, conversamos coa súa coordinadora, a profesora da USC María José Fiuza Asorey, coa intención de que nos expoña as súas vantaxes e principais saídas profesionais.

 

Campus Terra (C.T.): Cales son as metas que persegue este Máster?

María José Fiuza (M.J.F.): O obxectivo fundamental do Máster é ofrecer a formación pedagóxica e didáctica esixida pola normativa vixente aos futuros profesores da Educación Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas e como requisito imprescindible para o ingreso nos Corpos de Profesores habilitados para a docencia nos mesmos. Así, procura capacitar ao futuro profesorado para que poida ensinar os contidos da área de coñecemento na que se formou no grao, actuar profesionalmente como membro dun equipo docente participando no marco dunha comunidade educativa situada nun contexto sociocultural concreto, e exercer de facilitador da aprendizaxe do alumno, chegando a ser plenamente competente nas funcións titoriais de orientación persoal, académica e profesional.

 

C.T.: Cales son as principais saídas profesionais do seu Máster?

M.J.F.: A saída profesional do Máster é habilitar para o ingreso nos Corpos de Profesores da Educación Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.

 

C.T.: Por que considera que un alumno debe estudar este Máster no Campus Terra?

Realizar o Máster en Profesorado é o requisito imprescindible para quen teña interese na docencia no ensino medio, na formación profesional e o ensino de idiomas. Estudar este máster no Campus Terra supón facelo nunha Facultade cunha longa e contrastada tradición na formación do profesorado e que ten a este como o seu único obxectivo. Ademais, estudar no Campus Terra permite por unha  banda, participar nun concepto co que se pretende dotar ao Campus de Lugo dunha identidade científica propia que incremente a súa visibilidade e permita aproveitar todo o seu potencial para actuar como motor de cambio no seu contorno a nivel social, económico e territorial; pola outra, é a posibilidade de vivir nunha cidade fundada por Paulo Fabio Máximo en nome do emperador Augusto no ano 13 antes de Cristo, e que conta cunha muralla romana que é a mellor conservada das que existen na Península Ibérica, sendo declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000. Lugo ten indicadores de calidade de vida moi positivos (seguridade cidadán, baixo custo da vida, boa dotación de servizos sanitarios...) e ofrece unha ampla oferta de servizos de cultura, gastronomía e lecer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.