Ir o contido principal

Nadar na corrente das grandes iniciativas no Campus Terra

Nadar na corrente das grandes iniciativas no Campus Terra
Nadar na corrente das grandes iniciativas no Campus Terra
Un proxecto do Campus de Lugo da USC convértese nunha das investigacións nacionais máis financiadas a través da plataforma de crowdfunding de FECYT
Lugo

Na nosa cultura occidental, a orixe da teoría dos catro elementos vén dos filósofos presocráticos e perdurou ao longo dos séculos ata chegar aos nosos días. Estas son representacións para entender as forzas fundamentais da natureza e poder construír un discurso sobre ela. Na terra é onde agroman as investigacións do Campus Terra, polo aire é como voan internacionalmente e baixo a auga é onde podemos atopar todos os seus tesouros.

 

Tan só quedaría o cuarto elemento: o lume. Coa súa característica cor vermella alaranxada, e vinculada ao vermello do amor, é como avanza a iniciativa de I+D “Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras” grazas ao agarimo e á colaboración de todas as persoas que están a participar dun xeito ou outro neste proxecto.

 

Dende o Campus de Lugo da USC, e liderado polos grupos de investigación ZebraBioRes e Gapavet, naceu esta proposta aberta ao crowdfunding co obxectivo de desenvolver un modelo en peixe cebra que permita descubrir a orixe dos defectos conxénitos de glicosilación (CDG) e progresar no estudo das enfermidades raras. Deste xeito, empregarán un subtipo da síndrome CDG asociado a unha mutación no xene RFTQ detectada en Pelayo, e co modelo observarán os potenciais factores derivados, cambios metabólicos e fisiolóxicos, para logo probaren tratamentos específicos.

 

Durante a súa travesía, e sen poñer sequera as aletas, xa logrou unha terceira posición no podio dos proxectos de investigación nacionais con maior financiamento a través da plataforma Precipita da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), con máis de 40.000 euros acadados en tres meses.

 

Neste senso, ao igual que os peixes non nadan sós, ao seu éxito final contribuíron notablemente as diversas iniciativas locais impulsadas para achegalo á sociedade luguesa. Así, os paseos e obradoiros científicos para as persoas mozas, a distribución dos petos solidarios polos establecementos da cidade, a venda de máscaras e camisetas cos deseños cedidos pola ilustradora Noemí López e a gala benéfica celebrada no Hotel Méndez Núñez tiveron unha boa acollida, o que supón un gran pulo para este proxecto e para Pelayo.

 

Xa sexa por terra, auga ou aire, a suma de esforzos e mais a colaboración son os principais motores que moven as investigacións do Campus Terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.