Novos selos internacionais para o pasaporte do Campus Terra
As árbores perennes son as que presentan follas vivas ao longo de todo ano, ademais de manter o verde nas catro estacións. O Campus Terra non só conserva a súa frondosa cor durante os doces meses, tamén amosa certa pegada dourada vencellada ao fulgor do ouro.
Neste caso, o seu característico e cada vez máis forte resplandor non chega pola acción do Sol, senón polos novos recoñecementos da Facultade de Veterinaria e da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC con selos de calidade internacional.
Por unha banda, o centro universitario de Veterinaria vén de renovar a acreditación europea expedida pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE). Este logro garante ao alumnado titulado poder completar estudos de posgraduado no Reino Unido ou colexiarse co fin de desenvolver a súa actividade profesional neste país, ao tempo que sortean as consecuencias do “Brexit” no eido académico.
O feito de que nas illas británicas o persoal veterinario conte cunhas boas condicións laborais, sumado ao seu recoñecemento, orixina que os e as graduadas luguesas opten por ter unha experiencia laboral alí.
Pola outra banda, o sector agroalimentario no Campus Terra está aínda máis cargado de enerxía grazas á concesión de dous novos selos EUR-ACE® aos títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e de máster en Enxeñaría Agronómica ofertados pola USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.
O seu outorgamento, xunto ao que xa recibiran no 2019 os graos en Enxeñaría Civil e en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e o máster en Enxeñaría de Montes, sitúan a este centro universitario como o primeiro e único de Galicia en acadar o prestixioso EUR-ACE® para as súas cinco titulacións habilitantes nesta área.
Tanto esta acreditación como a da EAEVE non son soamente éxitos para a USC nin para estes dous centros docentes, senón que ambas as dúas aportan un gran beneficio e impulso para a comunidade académica luguesa. Ademais de ser un mérito engadido no seu currículo, tamén facilitará a súa mobilidade académica e profesional, xa sexa por terra ou ben alto polo ceo das estrelas.