Ir o contido principal

O Acelerador de Transferencia bota a andar no Campus Terra da USC

El Acelerador de Transferencia echa a andar en el Campus Terra de la USC
El Acelerador de Transferencia echa a andar en el Campus Terra de la USC
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) acaba de iniciar a cuarta edición do Acelerador de Transferencia, programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de...
Lugo

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) acaba de iniciar a cuarta edición do Acelerador de Transferencia, programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia á contorna social e económica. O Acelerador de Transferencia leva a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados dun proxecto de investigación e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e, polo tanto, o seu valor.

 

A xornada de presentación do programa, celebrada no edificio Cactus do Campus Terra, foi presidida polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois; e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. A continuación, o director da AVTE, José Luis Villaverde Acuña, explicou as características do programa e as súas fases. A xornada rematou coa presentación de dous casos de éxito do Acelerador, o do profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández e o do profesor do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmaceútica Francisco Otero Espinar. Este xoves 30 celebrarase o acto de presentación en Santiago de Compostela. 

 

Aqueles proxectos que aspiren a obter o respaldo do Acelerador de Transferencia da USC deberán identificar claramente cal é a brecha existente entre o resultado de investigación e o seu mercado potencial, debendo existir un destinatario final ou socio desenvolvedor para o proceso de transferencia co cal (no caso de que o proxecto resulte exitoso) se establecería un acordo de licenza ou se procedería á creación dunha spin-off.

 

Para a selección de proxectos candidatos a obter o respaldo do Acelerador de Transferencia, valorarase o grao de novidade; a posibilidade de protexer os resultados obtidos por patente ou por outro mecanismo de protección da propiedade intelectual; o grao de madurez; a importancia da necesidade social que busca resolver ou satisfacer co produto desenvolvido; as posibilidades comerciais (mercado ao que se dirixe e vantaxes competitivas do produto resultante); e implicación do grupo de investigación no proceso de transferencia.

 

Os Grupos de Investigación (GI) interesados en presentar propostas ao Acelerador de Transferencia poden facelo dirixíndose á AVTE (avte [at] usc.es (avte[at]usc[dot]es), ext. 15581, 15586) ou directamente a calquera persoa da AVTE coa que traballaran anteriormente. A AVTE asignaralles un Xestor/a de Proxecto (XP) que lles informará detalladamente das condicións do Acelerador de Transferencia e asesoraraos durante todo o proceso, dende a preparación da proposta ata a súa comercialización. O prazo remata o venres 15 de xullo. 

 

AVTE

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) é o servizo dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC encargado da xestión integral do proceso de transferencia dos resultados de investigación xurdidos no seu seo. O seu obxectivo é conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados de investigación obtidos nos laboratorios e centros de investigación da USC, a través da súa incorporación en procesos, produtos ou servizos, e que polo tanto redunde no crecemento económico e na mellora do benestar social. A USC leva máis de 25 anos transferindo resultados de investigación e figura entre as dez universidades españolas líderes en número de solicitudes e en contratos de licenza, posuíndo unha carteira de máis de 200 patentes. Nos últimos 10 anos, foron creadas máis de 40 empresas baseadas en coñecemento xerado na USC. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.