O arqueólogo Celso R. Cao e Germán Díaz guían este venres unha nova visita do programa ‘Noites na Domus’
O programa ‘Noites na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, continúa este venres 6 de abril, coa música de Germán Díaz, que intervirá en dous pases, o primeiro ás 20.45h e o segundo ás 22.00h.
O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa, que contempla outras dúas xornadas musicadas os vindeiros 11 de maio, coa interpretación de Solo Voces; e o 1 de xuño, novamente, co acompañamento da zanfoña de Germán Díaz.
O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada polo xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas a través das súas composicións sonoras. Como o aforo atópase limitado a 25 persoas, as entradas deben recollerse o día antes na Oficina de Cultura da USC no Campus Terra, ata un máximo de dúas por persoa.
‘Noites na Domus’ permitirá aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, así como o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era a persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular.
A Idade Media tamén cobrará relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo. ‘Noites na Domus’ posibilitará tamén unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral.
Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio Lugo Cultural asinado por USC, Concello e Deputación de Lugo.