O arqueólogo Celso R. Cao e Solo Voces guían este venres unha nova xornada do programa ‘Noites na Domus’
O programa ‘Noites na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, celebra este venres 11 de maio, unha nova xornada que contará coa actuación do grupo vocal Solo Voces, o cal intervirá en dous pases, o primeiro ás 20.45h e o segundo ás 22.00h.
O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, é o encargado de guiar as visitas organizadas ao abeiro deste programa que se enmarca dentro do convenio Lugo Cultural integrado por USC, Concello e Deputación de Lugo; e que contempla aínda outra xornada musicada o vindeiro 1 de xuño, co acompañamento de Germán Díaz.
O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada polo xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas a través das súas composicións sonoras. Como o aforo atópase limitado a 25 persoas, as entradas deben recollerse o día antes na Oficina de Cultura da USC no Campus Terra, ata un máximo de dúas por persoa.
‘Noites na Domus’ permite aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou esta casa, os motivos do seu traslado, así como o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era a persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular.
A Idade Media tamén cobra relevancia na disertación de Celso. R. Cao, quen fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, tales como o feito de que a basílica non ocupe un lugar central dentro do burgo. ‘Noites na Domus’ posibilita tamén unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral.