O Campus Terra aborda a produción de carne de vacún de calidade en Galicia
O Campus Terra da USC vén de acoller un curso práctico, organizado polo Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e a Agrupación Estratéxica de Xestión e Produción Sostible de Bio-Recursos BioReDes, sobre a produción de carne de vacún de calidade en Galicia no que os e as participantes foron introducidos/as nas denominacións xeográficas de calidade e nos sistemas de certificación.
O alumnado inscrito puido visitar o pasado venres 25 de xaneiro, diferentes sistemas de produción dentro das IXPs de Vacún de Calidade como son o cebadoiro, a gandería tradicional familiar con vacas nais e as explotacións de bois. Ademais, acompañados por persoal técnico do órgano de control CRIXP Carne de vacún de Galicia, acometeron a certificación e trazabilidade da carne de calidade en industrias cárnicas a través da visita a un matadoiro e sala de despezamento.
Logo dun xantar de traballo, Alberto Cepeda e Carlos Franco, director e responsable do laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA), abordaron o programa de control de residuos e de trazabilidade. A continuación, Luis Vázquez, director de promoción e relacións externas do CRIXP Carne de Vacún de Galicia, falou da promoción e marketing nas producións de calidade.
Finalmente, Jesús González, presidente do CRIXP Carne de Vacún de Galicia, analizou a importancia das IXP para o sector de vacún de carne en Galicia. O curso pechouse cunha Masterclass de cortes singulares e os seus usos culinarios, así como cunha degustación na cafetería da Facultade de Veterinaria.