O Campus Terra aborda nun curso o diagnóstico histopatolóxico e o manexo das principais enfermidades de moluscos bivalvos
O diagnóstico histopatolóxico e o manexo das principais enfermidades que afectan aos moluscos bivalvos centrarán a temática do curso monográfico que se celebrará na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC os días 7 e 8 de febreiro.
Esta actividade formativa, organizada polo Grupo de Investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) da USC, coordinado por Maribel Quiroga Berdeal, está estruturada en sesión teóricas e prácticas e ofrece un máximo de 20 prazas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa preinscrición no curso durante a segunda semana do mes de xaneiro.
O obxectivo deste curso teórico-práctico é transferir a profesionais do sector acuícola, fundamentalmente veterinarios, pero tamén a outros profesionais como biólogos ou graduados en Ciencias do Mar, coñecementos básicos sobre a anatomía e histoloxía dos moluscos de interese comercial, o diagnóstico microscópico das súas principais enfermidades (víricas, bacterianas e parasitarias) e as estratexias de loita que levan a cabo para o seu control.