O Campus Terra avanza cara a excelencia no eido agroalimentario cun incremento do 80% na captación de recursos
A Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo acolleu este luns a reunión da Comisión Reitora do Campus Terra, principal órgano de gobernanza deste campus de especialización da USC, a cal afondou na redefinición dalgunhas das súas liñas estratéxicas para obter unha organización máis eficiente que permita avanzar polo vieiro da excelencia e transformar o Campus Terra no campus agroalimentario de referencia para Galicia e o resto de España, alén de erixirse nun campus clave a nivel internacional.
A Comisión Reitora abordou na súa reunión as liñas estratéxicas que deberán soster o Campus Terra de cara á futura convocatoria destinada a campus de especialización/excelencia que ultima a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Este campus temático da USC con sede en Lugo aspira a saír fortalecido desta convocatoria, tal e como evidencian os bos resultados obtidos ata o de agora e que permitiron superar a barreira dos oito millóns de euros en captación de recursos de I+D+i en 2018, o cal supón un incremento de preto do 80% con respecto a 2015, ano no que a cifra era de catro millóns e medio de euros.
O reitor Antonio López presidiu a reunión na que tamén tomaron parte a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo Montserrat Valcárcel; a adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; o adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; o xerente da USC Javier Ferreira Fernández; o vicexerente do campus de Lugo e Servizos, Xosé Delfín Pérez González; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro; ademais dos decanos/as das facultades de Formación do Profesorado, Veterinaria, ADE, Ciencias e Humanidades, así como o director da EPS de Enxeñaría.
Nova gobernanza
A comisión aprobou a nova estrutura de gobernanza do Campus Terra na que se introduce unha Comisión Económico-Social que permitirá conectar a universidade co tecido produtivo no que se atopa inserida. Ademais, os decanos e directores pasarán a integrar o Consello de Campus, un órgano de asesoramento directo á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, formado tamén por representantes de alumnado e PAS, que permitirá outorgar un maior peso ás facultades e escolas na gobernanza do campus de Lugo. O novo organigrama do Campus Terra tamén contempla catro comisións executivas nos catro eidos estratéxicos do campus: I+D+i, relación coa contorna, formación e internacionalización.
A remodelación da Comisión Científica Externa, antes denominada Comisión Asesora Externa, que continuará estando presidida por Marius Rubiralta, catedrático da Universidade de Barcelona e creador do seu Campus da Alimentación, co que o actual goberno da USC xa se reuniu en dúas ocasións, completa o cambio estrutural na gobernanza do Campus Terra.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo e a adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, visitaron en novembro de 2018 o Campus da Alimentación de Torribera a fin de coñecer mellor os avances que se produciron neste proxecto da UB nos últimos anos, así como expor a situación actual do Campus Terra e analizar a posibilidade de establecer acordos estratéxicos entre ambos os dous proxectos. Xa en marzo de 2019, o propio Rubiralta mantivo unha reunión no Pazo de San Xerome co reitor e a dirección do Campus Terra para definir o plan de acción que este campus temático vai desenvolver nos vindeiros exercicios e afondar no seu proceso de especialización a fin de convertelo nun referente no eido agroalimentario.
Reunión da Rede de Campus de Excelencia Internacional con Actividade Agroalimentaria
Lugo será ademais sede para a reunión da Rede de Campus de Excelencia Internacional con Actividade Agroalimentaria, así como do padroado da Fundación Triptolemos en 2020, proba da relevancia que o Campus Terra ten adquirido nos últimos tempos no seu ámbito de actuación. Esta rede foi creada en 2013 polo Padroado da Fundación Triptolemos como un grupo de traballo integrado nos estatutos da fundación. A misión principal da rede é artellar e potenciar a cooperación entre os diferentes actores do sistema de investigación, desenvolvemento e innovación agroalimentarios en España, mellorar a eficacia da investigación realizada, fortalecer a competitividade en programas internacionais de I+D alimentaria e facer chegar á sociedade os avances alcanzados.