Ir o contido principal

O Campus Terra, cada vez máis internacional

O Campus Terra, cada vez máis internacional
O Campus Terra, cada vez máis internacional
O Campus Terra da USC incrementou en máis de sete puntos a súa taxa de alumnado entrante a través de programas de mobilidade no primeiro semestre deste ano académico, segundo datos facilitados polo...
Lugo

O Campus Terra da USC incrementou en máis de sete puntos a súa taxa de alumnado entrante a través de programas de mobilidade no primeiro semestre deste ano académico, segundo datos facilitados polo Servizo de Relacións Exteriores, coa incorporación, no que vai de curso, de noventa novos alumnos e alumnas, fronte aos oitenta e tres que se rexistraran o ano pasado por estas datas.

 

O Campus Terra de Lugo vén incrementando de ano en ano a súa taxa de alumnado que chega a través de programas de mobilidade, deixando patente o seu prestixio alén da comunidade autónoma de Galicia e do Estado español. No primeiro semestre do ano académico 2018-2019 xa se produciu un incremento do 7,7% con respecto ao primeiro semestre do curso 2017-2018, e aínda é posible a incorporación de máis alumnado internacional nestes compases iniciais do curso.

 

Corenta destes novos estudantes chegaron a Lugo a través de convenios bilaterais que a USC mantén con Arxentina, Brasil, Chile, México, Perú e Xapón. O programa Erasmus + permitiu a entrada de dezasete mozos e mozas procedentes de Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Turquía; mentres que outros vinte e tres entraron mediante o programa Erasmus International Credit Mobility KA107 e dez máis mediante o Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios Españoles SICUE

 

O traballo realizado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC no Campus Terra resulta crucial no éxito obtido cada ano xa que, dende o mesmo, encárganse non só de ofrecer asesoramento e orientación personalizada a este tipo de alumnado, senón tamén da organización de eventos que favorezan a súa integración na sociedade luguesa. Tal foi o caso da semana de benvida celebrada durante os primeiros días de setembro, na que os mozos e mozas foron guiados por algúns dos lugares máis emblemáticos da contorna lucense ou a denominada International Week, na que, cada ano, o alumnado internacional ten a oportunidade de dar a coñecer, a través de espazos expositores, a cultura dos seus respectivos países de orixe.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.