Ir o contido principal

O Campus Terra da USC abre a inscrición do curso básico en xestión de enfermidades da vide a través da plataforma de e-learning do proxecto PAThOGEN

O Campus Terra da USC abre a inscrición do curso básico en xestión de enfermidades da vide a través da plataforma de e-learning do proxecto PAThOGEN
O Campus Terra da USC abre a inscrición do curso básico en xestión de enfermidades da vide a través da plataforma de e-learning do proxecto PAThOGEN
O Campus Terra da USC mantén aberto o período de inscrición para o curso básico sobre xestión de enfermidades inducidas por virus da vide, impulsado polo proxecto ERASMUS + PAThOGEN, xurdido ao...
Lugo

O Campus Terra da USC mantén aberto o período de inscrición para o curso básico sobre xestión de enfermidades inducidas por virus da vide, impulsado polo proxecto ERASMUS + PAThOGEN, xurdido ao abeiro dun consorcio integrado por España, Francia e Italia, e que integra un programa formativo para a mellora do coñecemento e a xestión dos virus da vide combinando métodos innovadores de e-learning e sesións de formación en campo.

 

A través da plataforma de e-learning do proxecto PAThOGEN, é posible formalizar xa a inscrición para o curso de nivel básico, malia que nos próximos días agárdase tamén abrir o prazo para a formación en nivel avanzado. O obxectivo do curso PAThOGEN de nivel básico é que o alumno adquira os coñecementos imprescindibles sobre os patóxenos sistémicos que poden infectar o material vexetal vitícola en viveiro ou en viñedos establecidos, a súa sintomatoloxía, as posibles confusións con outros factores adversos, as técnicas básicas de diagnóstico, a transmisión destas enfermidades e as medidas de control contra os patóxenos causantes e os seus vectores.

 

Perfeccionamento

Ademais na USC, vén desenvolvéndose dende setembro o ‘Curso de perfeccionamento sobre Viroses e enfermidades afíns da vide (PAThOGEN)’, no marco do cal, o pasado 20 de outubro celebrouse en Lugo a primeira sesión de campo á que asistiron estudantes universitarios, viticultores, técnicos asesores, investigadores e docentes matriculados. A pesares da data tardía, o bo tempo permitiu observar os síntomas dos virus do enrolamento da vide en todo o seu esplendor tanto nos campos de prácticas e coleccións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) como no viñedo experimental do grupo de investigación ‘Viticultura e Sanidade Vexetal’ da USC en Portomarín.

 

Despois dunha breve sesión teórica na sala de Xuntas da EPSE, os alumnos e alumnas saíron ás parcelas de prácticas acompañados polos profesores Cristina Cabaleiro e Julián García. Ademais, na sesión de laboratorio observaron insectos vectores dos principais virus da vide; e no viñedo experimental os alumnos tiveron ocasión de detectar síntomas claros e dubidosos, confusións típicas nestas datas e quedou clara a necesidade de confirmar as sospeitas mediante analíticas cando as plantas van ser utilizadas para propagación.

 

A gravación destas sesións a cargo do técnico do Estudio e-Terra, David Vázquez Fraga, servirá de documentación adicional para o alumnado que se inscriba no curso de formación continua de nivel formador, o cal se ofertará en 2019 e constituirá o nivel superior dos cursos PAThOGEN. Este alumnado adquirirá a capacidade para organizar sesións de campo ás que poderán asistir alumnos que teñan finalizado o ensino “non presencial” na plataforma.

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.