O Campus Terra da USC abre a inscrición para o curso ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ que terá lugar o 22 e 23 de maio
A aula e-Terra, situada na Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC, acollerá os días 22 e 23 de maio a actividade formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ destinada a profesorado da USC en Lugo que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, e que posúa a licenza para o manexo desta ferramenta, coa intención de que tome conciencia do problema ético e metodolóxico que supón o plaxio e que aprenda a manexar o software Turnitin, o cal revisa documentos na procura de contidos non orixinais.
Os e as interesadas en participar no curso deberán enviar o formulario accesible no enderezo web http://www.usc.es/campusterra/gl/turnitin, debidamente cumplimentado, a margarita.vilela [at] usc.es (margarita[dot]vilela[at]usc[dot]es) dende o 23 de abril ás 09.00h ata o 6 de maio ás 24.00h. Esta actividade formativa, totalmente gratuíta e recoñecida polo Programa de Formación e Innovación Docente da USC, consta de 15 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. En todo caso, de existir un alto número de solicitudes, o Campus Terra valorará a posibilidade de realizar novas edicións deste curso que será impartido polo profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, José Raúl Canay Pazos.
A actividade formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ responderá a cuestións tales como que é o plaxio, identificando as súas causas, así como procedementos de detección e prevención; e amosará como se xestiona a conta deste software, entre outros contidos que se repartirán ao longo de doce horas, seis das cales realizaranse a través do campus virtual, mentres que as outras seis serán presenciais.
Dende marzo de 2018, a USC posúe 2.000 licenzas da ferramenta antiplaxio Turnitin, das cales 340 pertencen a docentes do Campus Terra. Estas licenzas son repartidas polos propios centros entre o seu profesorado co obxectivo de que cada profesor/a que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, dispoña dunha licenza de instrutor/a que lle permita detectar traballos potencialmente fraudulentos.